top of page

Melide organiza para o 24 de maio unha gala solidaria a favor de Agaela e dos afectados por ELA

As entradas para asistir ao evento poden mercarse na Xoiería Roval, Muxica Tenda Xoven e Hotel Carlos’96 de Melide, ou directamente ás persoas organizadoras


Laura Moure/Melide

Un grupo de veciñas de Melide decidiron organizar unha Gala Musical coa que dar a coñecer o traballo de AGAELA (Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica) e recadar fondos para dita entidade. No recital participarán cinco agrupacións de música tradicional de Melide: Froito Novo, Pozo Pequeno, Herba Grileira, Os da Taberna e Nós ó Noso. Tamén se contará coa presencia do grupo Gaiteiros do Balado de Toques. A cita será o domingo 24 de maio.

Na imaxe están as catro organizadoras da Gala xunto a un dos melidenses afectado pola ELA, Xabier Pazo Blanco.
Na imaxe están as catro organizadoras da Gala xunto a un dos melidenses afectado pola ELA, Xabier Pazo Blanco.

As entradas para asistir ao evento poden mercarse na Xoiería Roval, Muxica Tenda Xoven e Hotel Carlos’96 de Melide, ou directamente ás persoas organizadoras (Dolores Rodríguez Pazo, Soqui Cea, Vanessa Martínez e Ana Mosteiro). Tamén haberá unha tarxeta solidaria Fila 0 para quen no poida acudir á Gala e queira colaborar coa causa. Tanto as entradas como as tarxetas solidarias teñen un prezo de 5 euros.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A ELA, enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular, afecta a varias persoas de Melide e comarca. Son precisos moitos coidados e gastos moi elevados para atender ás persoas con ELA. Aquí xoga un papel fundamental AGAELA, que opera en todo o territorio galego, atendendo a máis de 160 familias. AGAELA foi declarada en 2023 “Entidade de Utilidade Pública” pola Xunta de Galicia. Grazas a AGAELA, as familias con membros afectados pola ELA teñen, en concepto de préstamo gratuíto, produtos de apoio como camas articuladas, grúas de traslado, cadeiras de ducha … así como axuda para o pagamento de sesións de rehabilitación.


As organizadoras confían no éxito da Gala Musical, pois saben da solidariedade do pobo de Melide. Salientan que son varias as empresas que están ofrecendo produtos para sortear no evento e así aumentar o apoio económico a AGAELA.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Esta iniciativa solidaria é a segunda que ten lugar en Melide a favor de AGAELA. O curso pasado, alumnado de Inglés do IES da vila publicou un libro de receitas de cociña en galego e inglés, dirixido pola docente Dolores Rodríguez, para axudar e para «alimentar as esperanzas dos que dalgún xeito sofren os efectos da ELA, doentes e acompañantes». Puxéranse á venda 200 exemplares e conseguiran recadar 1.700€ para AGAELA.


As organizadoras agradecen o interese e apoio que está tendo esta Gala Solidaria e animan a encher a Casa de Cultura da vila por esta nobre causa.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page