Melide acollerá a presentación dunha investigación sobre os xogos tradicionais no Camiño de Santiago
A cita será mañá, sábado 17 de outubro
Laura Moure/Melide
A Sala de Conferencias da Biblioteca “Vázquez Pintor” de Melide acollerá un acto de presentación da investigación sobre os Xoguetes e enredos tradicionais no Camiño de Santiago, promovida pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións e na que participa a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, con sede en Melide.
Será mañá, sábado, día 17 de outubro, a partir das 18.00 horas (haberá xogos tradicionais desde as 16:30 horas). Trátase dun acto de divulgación sobre os “Xoguetes e enredos tradicionais e sustentables no Camiño de Santiago”, unha actividade de divulgación cultural e patrimonial arredor do xogo tradicional, os enredos naturais e a súa relación co Camiño de Santiago.

O evento servirá para presentar o proxecto de investigación “Xoguetes e enredos tradicionais e sustentables no Camiño de Santiago: circulación de enredos con materiais da natureza”, liderado por profesorado das Universidades de Santiago e A Coruña, e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego. O proxecto está financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, no marco da IX Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións.
O proxecto conta coa colaboración de diferentes persoas e entidades vinculadas ao patrimonio lúdico. Acompañan no proxecto o investigador principal, Apolinar Varela, integrantes do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego como Xosé Manuel García e Xosé López (museo O Recuncho das Argalladas de Vilanova de Lourenzá), así como membros da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, entidade que exerce de anfitrioa do acto. No equipo investigador participan tamén as profesoras Silvia López-Gómez, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuela Vázquez-Coto, do Colexio Español de Rabat.
PUBLICIDADE
Esta investigación analiza a difusión, circulación e transformación dos xoguetes e enredos elaborados con materiais da natureza —madeira, canas, pedras, follas, vimbio, cunchas ou outros elementos de proximidade— ao longo do Camiño e nos seus espazos de sociabilidade, como albergues, prazas, feiras etc. O estudo procura poñer en valor o patrimonio lúdico asociado ao Camiño e comprender como estas prácticas contribúen á transmisión cultural, á memoria comunitaria, á sustentabilidade e á relación co territorio.
No acto, que estará moderado pola integrante da AGXPT Antía Freire e apoiado institucionalmente polo alcalde de Melide Xosé Manuel Pérez, presentaranse tamén algúns avances preliminares do traballo de campo realizado entre o 16 e o 24 de xuño en distintas localidades do Camiño, entre elas Roncesvalles, Pamplona, Puente la Reina, Logroño, Belorado, Sahagún, Astorga, Triacastela, Sarria, Melide.… Nesta primeira fase realizáronse entrevistas a axentes locais, persoas expertas e peregrinas/os, ademais da gravación de materiais audiovisuais vinculados aos xoguetes e enredos naturais documentados ao longo da ruta.
A actividade completarase cunha proposta baixo o lema “Xogos tradicionais para todo o mundo”, dinamizada pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, co obxectivo de achegar o patrimonio lúdico á cidadanía dunha maneira participativa, inclusiva e interxeracional. Neste sentido, poderanse practicar xogos tradicionais na Praza das Universidades a partir das 16:30 horas.
PUBLICIDADE
Nos vindeiros meses, o proxecto dará a coñecer novos materiais de divulgación, entre eles pequenos vídeos, un informe de resultados e unha publicación en formato guía destinada a promover o patrimonio lúdico en distintos contextos asociados ao Camiño de Santiago.
A xornada está aberta ao público en xeral, desde a firme convicción de que o ser humano precisa xogar toda a súa vida.









Comentarios