Melide acolle o Congreso esLibre 2026, un encontro de referencia na cultura e tecnoloxía libre
- Laura Moure

- 15 feb
- 2 Min. de lectura
Celebrararase os días 17 e 18 de abril, nos espazos do Edificio Multiusos e do Centro Sociocultural Mingos de Pita
Laura Moure/Melide
Este venres 13 de febreiro, presentouse oficialmente a edición 2026 do Congreso esLibre, que se celebrará en Melide os días 17 e 18 de abril, nos espazos do Edificio Multiusos e do Centro Sociocultural Mingos de Pita, cedidos polo Concello. A rolda de prensa destacou Melide como sede para demostrar que o coñecemento libre e a innovación poden desenvolverse en calquera territorio.

Nesta edición, organizada pola Asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide (MeLiSA) e coa coorganización do Grupo de Amigos de GNU/Linux de Pontevedra (GALPon), participará unha centena de persoas, entre asistentes, relatores e membros de comunidades tecnolóxicas e culturais, procedentes de distintos puntos do país e do estranxeiro. O acceso ao congreso é libre e gratuito mediante inscrición previa, e tamén se poderá seguir en liña, permitindo que a participación vaia máis aló da presenza física.
Unha cita para crear comunidade e compartir coñecemento
Tras un ano de parón dedicado á preparación e coordinación, esLibre retoma a súa actividade mantendo a filosofía que o consolidou como encontro de referencia: colaboración, intercambio de experiencias e apertura do coñecemento. O congreso celebrouse anteriormente en cidades como Vigo, Granada, Zaragoza e Valencia, e a súa chegada a Melide reforza a idea de que a cultura libre e a tecnoloxía aberta deben estar ao alcance de todas as persoas.
Publicidade
“O máis valioso de esLibre non é só o que se aprende nas charlas, senón as relacións que se crean entre persoas e proxectos”, explica Rafael Gaioso, tesoureiro de Melisa, durante a presentación desta edición do esLibre. A filosofía do evento aposta polo traballo colaborativo, o acceso aberto ao coñecemento e o uso da tecnoloxía como ferramenta social, fomentando o intercambio de ideas e a creación de novas redes entre comunidades.
O formato manterá a estrutura consolidada das edicións anteriores, combinando charlas, obradoiros, mesas de comunidades, espazos expositivos e salas organizadas por colectivos, fomentando a participación activa e o intercambio de experiencias.
Entre as actividades previstas destacan unha saída fotográfica colectiva polo territorio, espazos de demostración de proxectos, obradoiros participativos e comidas comunitarias, patrocinadas por LibreBit, deseñadas para fortalecer vínculos e favorecer a interacción entre participantes.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O congreso contará ademais con varias salas temáticas xestionadas por comunidades, cada unha centrada nun ámbito específico, permitindo aos participantes explorar diferentes intereses e coñecer de primeira man as iniciativas que conforman o ecosistema do software libre.
Entre estas salas, destaca a XIII Xornada de Usuarios de R en Galicia, un evento centrado en promover o uso de R e o intercambio de coñecemento entre profesionais e persoas interesadas, que por primeira vez forma parte do programa oficial do esLibre.
Publicidade
O programa completo por salas publicarase hoxe, 15 de marzo, aínda que os avances xa están dispoñibles na web oficial do congreso https://eslib.re/2026/es/, permitindo que os participantes poidan planificar a súa asistencia con antelación.








Comentarios