Medio Rural destaca en Pazo de Vilane a aplicación da innovación para dar resposta a retos agroalimentarios
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou esta empresa de Antas que é entidade representante do grupo operativo que desenvolveu o proxecto FUNTRAPA
Laura Moure/Antas de Ulla
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou onte as instalacións de Pazo de Vilane, en Antas de Ulla, entidade representante do grupo operativo que desenvolveu o proxecto FUNTRAPA – Fungos parasiticidas para a transición de gandarías a réximes pastorís, que contou cunha axuda de 180.000 euros da Consellería do Medio Rural. Durante a visita, destacou a importancia de impulsar unha innovación aplicada, capaz de trasladar o coñecemento científico ás explotacións e empresas para dar resposta a problemas concretos do sector.

Neste sentido, FUNTRAPA foi un dos proxectos recoñecidos cunha mención especial no V
Foro de Innovación Agraria Galicia 2025, na categoría de gandaría e industrias agroalimentarias. Na iniciativa participaron, xunto a Pazo de Vilane, a Asociación Prodeme, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación COPAR, e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA).
PUBLICIDADE
Control biolóxico dos endoparásitos
FUNTRAPA centrouse no control dos endoparasitos que afectan ás aves poñedoras e ao
porcino criados en sistemas de pastoreo, estudando o emprego de fungos presentes de
maneira natural no medio como ferramenta de control biolóxico.
Entre as solucións ensaiadas incluíuse a aplicación de esporas nos aloxamentos e zonas
de pastoreo, así como o tratamento de sementes forraxeiras con estes fungos. Os
resultados obtidos permitiron comprobar o potencial desta estratexia para reducir o risco
de infección por endoparasitos, avanzando cara a alternativas preventivas e máis sustentables.
PUBLICIDADE
Innovación aplicada ao sector
FUNTRAPA forma parte dunha convocatoria de Grupos Operativos da Asociación Europea
da Innovación, na que a Consellería do Medio Rural apoiou 25 proxectos cun investimento
público conxunto de preto de 4,3 millóns de euros. Alemparte salientou que este
instrumento permite conectar as necesidades das empresas e explotacións co
coñecemento científico, favorecendo a cooperación entre o sector produtivo, os centros de
investigación e outros axentes para probar solucións en condicións reais e transferir
posteriormente os resultados ao sector.
Neste sentido, incidiu en que “innovar non é simplemente investigar, senón conseguir que
o coñecemento dea resposta a problemas reais e que esas respostas poidan chegar ao
sector”









Comentarios