Medio Rural achega a calidade diferenciada de produtos galegos a novos públicos no Festival da Luz
- Laura Moure

- hace 13 minutos
- 2 min de lectura
Por primeira vez, o festival conta cun espazo específico de Artesanía Alimentaria, coa participación de seis produtores, entre eles Cárnicas Mosquera de Vila de Cruces
Laura Moure/Boimorto
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu este sábado á segunda xornada do Festival da Luz, onde a Consellería do Medio Rural desenvolve un amplo programa de actividades para promocionar os produtos galegos de calidade diferenciada e achegalos novos públicos que participan nesta cita.
A presenza neste festival enmárcase na aposta da Consellería por diversificar os espazos de promoción da calidade diferenciada, incorporando estas producións a eventos culturais e de lecer con capacidade para chegar a novos consumidores. Trátase de asociar a experiencia gastronómica con outros ámbitos, como a música e a cultura, e de mostrar que detrás de cada produto certificado existe tamén un territorio, unhas materias primas, uns produtores e unha maneira propia de producir.

Neste contexto, unha das principais novidades desta edición é a incorporación, por primeira vez no Festival da Luz, dun espazo específico dedicado á Artesanía Alimentaria, no que seis produtores, entre eles Cárnicas Mosquera de Vila de Cruces, expoñen e venden directamente as súas elaboracións. Esta presenza complétase cunha aula de catas e degustacións na que cociñeiros e divulgadores dan a coñecer diferentes propostas elaboradas con produtos artesáns.
Deste xeito, búscase dar maior visibilidade a un modelo de produción que combina materias primas de calidade, elaboración coidada, saber facer e vinculación co territorio, ao tempo que se facilita o contacto directo entre produtores e consumidores e se favorece o coñecemento do distintivo de Artesanía Alimentaria.
PUBLICIDADE
Unha experiencia arredor da calidade diferenciada
A programación da Consellería articúlase arredor dun posto fixo dividido en tres espazos. Un deles está dedicado á plataforma experienciasdecalidade.gal, a través da que se poden adquirir estes produtos; mentres que os outros dous acollen xogos e concursos relacionados cos diferentes indicativos de calidade.
A maiores, unha gastroneta permite trasladar esta promoción á propia experiencia gastronómica, coa distribución de menús degustación entre os participantes nos xogos e concursos. A programación complétase con catas de Artesanía Alimentaria, sorteos de produtos e distribución de material promocional.
Con este conxunto de accións, a Consellería do Medio Rural procura que o público non só deguste os produtos, senón que aprenda a recoñecer os distintivos que os identifican e coñeza o que representan en termos de orixe, trazabilidade, control e vinculación co territorio.
PUBLICIDADE
Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada
Esta actuación forma parte da estratexia de promoción que a Consellería desenvolve a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado este ano con máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025, para reforzar a promoción das producións certificadas, incrementar a súa visibilidade e favorecer que os consumidores coñezan, identifiquen e valoren os selos que acreditan a súa orixe e calidade.
A participación no Festival da Luz responde precisamente a este obxectivo: levar a calidade diferenciada alí onde están os consumidores, ampliar os espazos nos que se presentan os produtos galegos e facer da súa promoción unha ferramenta para xerar valor para produtores e elaboradores e, ao mesmo tempo, contribuír á dinamización do medio rural.
O Festival da Luz clausúrase hoxe, domingo, 30.









Comentarios