top of page

María Fuertes, a veciña de Antas que lle ardeu a súa casa en outubro, xa dispón dunha vivenda

O seu novo fogar atópase na parroquia de Santa Mariña, tamén neste municipio, que os seus propietarios lle cederon durante un tempo, ata que atope unha solución


Laura Moure/Antas de Ulla

O pasado 24 de outubro a veciña de Antas de Ulla María Fuertes perdeu a súa casa, situada na parroquia de Santiso, nun voraz incendio que lle levou todo canto tiña en poucos minutos. O lume declarouse na cheminea e converteu en cinzas a casa na que levaba vivindo 20 anos. A partir dese momento coa axuda do Concello aloxouse nun establecemento da localidade e dende o pasado venres, tal e como informa o propio Concello, atópase no seu novo fogar, unha vivenda en Santa Mariña que os seus propietarios lle cederon durante un tempo, ata que atope unha solución á súa situación. O inmoble hai pouco que foi rehabilitado, polo que se atopaba listo para entrar a vivir.

María Fuertes na súa nova casa cos seus cans. Fonte: Concello de Antas de Ulla.

"Hoxe estivemos con María, quen quere agradecer a axuda de todos e todas as que a apoiaron e o seguen facendo. Da familia, dos veciños e veciñas, do Concello, "o primeiro en darme roupa para poñer porque quedei sen nada", sinala o Concello.


Foron moitas as mostras de solidariedade que recibiu e que seguen chegando: roupa, comida, leña para quentarse, alimentos para os seus animais... Tamén segue aberta unha conta bancaria para que quen queira poida facer as súas doazóns.

O número é o ES11 0238 8248 7607 0065 4679 do Banco de Santander.


"Dende o seu novo fogar, acompañada polos seus cans, María pensa xa en como refacer unha vida que se viu convertida en cinzas dun día para outro. Ten cinco fillos, dous deles independizados e os outro tres estudando fóra. Agora poderán volver á casa sempre que queiran", apunta o Concello.


"Nunca imaxinas que a xente poida ser tan solidaria, pero agora sei que o son", recoñece María moi emocionada e agradecida.


NOTICIAS RELACIONADAS:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page