Manuel Taboada: “Premiamos aos mellores deportistas, que son os embaixadores do Pino"
- Laura Moure

- hace 2 días
- 2 min de lectura
Os galardoados nesta terceira edición son o xogador de hóckey sobre patíns Hugo Rodríguez Blanco, a atleta Xiana García Seijo e os integrantes do equipo cadete da SD O Pino
Laura Moure/ O Pino

O alcalde Manuel Taboada asegurou onte que coa entrega dos diplomas ao mérito deportivo, o Concello do Pino quere recoñecer “o traballo e o esforzo diario que fan estes mozos e esta moza e o sacrificio que implica para poder sobresaír nas diferentes disciplinas”. “Vós sodes os embaixadores do Pino por Galicia adiante, cando participades nas diferentes competicións”, díxolles Manuel Taboada aos galardoados diante das familias que se deron cita no salón de plenos. Na entrega de distincións tamén participaron o concelleiro de Deportes, Borja Castro, o concelleiro José Fuentes, e o técnico de Deportes, David Castiñeiras.
O Concello do Pino recoñeceu os méritos dos deportistas locais máis destacados durante a temporada entregándolles un trofeo e un diploma. Nesta terceira edición, os galardoados
foron o xogador de hóckey sobre patíns Hugo Rodríguez Blanco, a atleta Xiana García Seijo e os integrantes do equipo cadete da SD O Pino.
PUBLICIDADE
Hugo Rodríguez Blanco, xogador da A.C. Ordes de hóckey sobre patíns, proclamouse campión autonómico sénior e logrou, xunto co seu equipo, o ascenso da categoría de bronce á de prata.
A atleta Xiana García Seijo, integrante do Club Atletismo O Pino, conseguiu un destacado
cuarto posto na proba dos 100 metros valados no Campionato Xunta de Galicia Sub-20,
celebrado o pasado 27 de xuño no Pereiro de Aguiar.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Na categoría de equipos, o Concello do Pino recoñeceu o conxunto de cadetes da SD O Pino, campión da Liga Cadete de 2a Futgal e semifinalista da Copa do Sar. Entre os integrantes do equipo nados no municipio están os xogadores Yeray Barreiro Villar,
Daniel Jesús Camba Quintela, Alexandre Fernández Botana, Iván Fernández Mella, Hugo García Moledo, Santiago Mecías Rey, Pedro Montero Castiñeiras (que non puido asistir ao
acto), Pedro Muñoz Fandiño, Iker Naveiro Martínez, Rodrigo Sanjuás Tarrío, Román Suárez
Rodeiro e Enoc Taboada Gómez.
PUBLICIDADE
O recoñecemento estendeuse tamén a Javier Gendre Mella, segundo adestrador do equipo cadete e tamén míster do conxunto infantil de fútbol sala, ao que levou ata unha meritoria quinta posición na competición.
O Concello instaurou estes recoñecementos no ano 2023 co obxectivo de dar visibilidade aos méritos da mocidade empadroada no municipio que destaca en distintas disciplinas deportivas. A través desta iniciativa, o goberno municipal reafirma o seu compromiso co deporte de base e co apoio ás novas xeracións de deportistas do Pino.









Comentarios