Máis de 3.700 reunións e acordos xa pechados nas mesas de negocio na Abanca Semana Verde
- Laura Moure
- hace 2 días
- 4 Min. de lectura
Esta feira pon en marcha hoxe o seu programa orientado a todos o públicos, o cal se estenderá ata o domingo e incluirá dende competicións caninas ou exhibicións ecuestres
Laura Moure/Silleda
O XIV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e o 28º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, celébranse desde xoves e ata o domingo no marco da 47ª feira Abanca Semana Verde de Galicia en Silleda. Dentro da súa vertente máis profesional estes certames acolleron durante todo o día do xoves e a mañá de onte máis de 3.700 reunións nas súas mesas de negocio.
Así, o Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, celebrou a súa recoñecida Bolsa de Contratación, a cal, co apoio da Axencia Turismo de Galicia, volveu converterse
nunha efectiva plataforma comercial para o sector coa celebración de 2.500 reunións.

Nelas máis de 140 empresas puideron mostrarlles as súas propostas a, finalmente, 33
operadores turísticos con presenza en dez países, como son Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia. Na súa maioría son axencias tradicionais ou de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados), aínda que outras buscaban especificamente propostas relacionadas con turismo activo e de natureza, gastronómico, educativo para estudantes, de festas e festivais, sostible ou relixioso.
Estes operadores turísticos trasladaron á organización a súa boa experiencia na Bolsa polo gran interese da maioría das propostas e destinos presentes, á vez que moitos deles explicaron que o tamaño e formato é perfecto para aproveitar ao máximo a participación, xa que noutros encontros B2B hai tantos participantes que non acaban conseguindo bos resultados. Unha impresión que xa se ven repetindo nos últimos anos entre os operadores turísticos que acoden a Turexpo Galicia. En canto ás empresas participantes na Bolsa, destacaron que as súas expectativas de negocio son moi boas.
Pola súa banda, o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, acolleu os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países. Neles leváronse a cabo máis de 1.200 reunións nas que 120 empresas mostraron os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de dezaseis países, como son Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza. Deles, vinte e dous son importadores e os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con catro distribuidores e cinco cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés, Lidl e, por primeira vez, Grupo Cuevas.
As impresións por parte dos compradores son moi positivas, destacando todos eles que coñeceron produtos moi interesantes e mesmo “sorprendentes”, algúns dos cales se verán nos lineais dalgunhas cadeas de distribución polo atractivos que lles resultaron. Así mesmo, as empresas mostraron a súa satisfacción, pechando xa algunhas delas en feira varias operacións importantes.
Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2025, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia.
Fam trip
A estas mesas de negocio engádese unha pequena viaxe de familiarización na que participará a maioría de operadores turísticos asistentes á Bolsa de Contratación de
Turexpo Galicia e tamén algúns dos compradores que acoden aos Encontros
Internacionais de Salimat Abanca.
Comezará onte cunha visita ao Pazo de Oca e os seus históricos xardíns en A Estrada. Xa hoxecoñecerán a comarca do Ribeiro, con parada e comida no Pazo de Toubes, en Riobó (Cenlle), e visitas ás localidades de Ribadavia e Ourense, onde coñecerán distintas zonas da cidade e a súa catedral. O último día, o domingo, terán dúas opcións, ben visitar Santiago de Compostela e a súa catedral ou, para aqueles que xa coñecen a cidade, descubrir o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa.
Tamén houbo cociña en vivo para profesionais do sector e conferencias sobre temáticas diversas. En canto a estas últimas, leváronse a cabo os relatorios “S3: Un substrato sustentable a base de residuos agrícolas que reduce emisións de C02”, “Climate adapted & resilient city. A nova certificación internacional para cidades adaptadas ao cambio
climático” e “Marca persoal para a vida e os negocios. A marca son eu”.
Sumáronse as conferencias “O valor emocional dos alimentos: comer xuntos, vivir mellor”, a cal se centrou en como os hábitos alimentarios poden mellorar o benestar emocional, favorecer vínculos e previr problemas como a soidade, e tamén os titulada “Almorzos
con sentido: nutrición e funcionalidade para comezar ben o día”, que tratou a importancia do almorzo como base dunha alimentación equilibrada.
Así mesmo, no marco do salón de beleza e estética Intermax Beauty Show, tivo lugar
o relatorio “Autocoidado, benestar e oportunidade de negocio”. Tamén continuaron onte en Salimat Abanca diversas sesións orientadas a profesionais, con cocida en vivo de produtos como queixos, aceites ou doces, catas de produtos galegos de calidade para importadores alimentarios e tamén talleres como o de novas tendencias na elaboración da pasta italiana.
Publicidade
Ademais, este venres ao mediodía concluíron as mesas de negocio de Salimat Abanca e Turexpo Galicia, nas cales se celebraron máis de 3.700 reunións con 64 operadores turísticos e compradores alimentarios de 21 países, con gran satisfacción e algúns
acordos xa pechados durante feira.
Por outra banda, tendo en conta os días lectivos nos centros de ensino, tamén se realizaron distintas actividades divulgativas e formativas para escolares, como talleres de natureza en Turexpo Galicia, cata de aceite en Salimat Abanca ou exhibicións de habilidades caninas e demostracións de agility en Fecap Abanca.
As actividades máis lúdicas, a partir de hoxe
A Feira Internacional Abanca Semana Verde 2025 pon en marcha hoxe o seu programa orientado a todos o públicos, o cal se estenderá ata o domingo e incluirá dende competicións caninas ou exhibicións ecuestres ata shows de motor ou máis diversidade de showcookings, catas e tanto exhibicións como degustacións de numerosas festas de interese turístico galegas.
Comments