top of page

Licitan a mellora do firme da estrada LU-231, entre Friol e Palas de Rei

Ecos da Comarca/Palas de Rei

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou este venres as obras de reforzo do firme de tres estradas da rede autonómica na provincia de Lugo, entre elas unha de Palas de Rei, ás que destina un orzamento de 2.156.154 euros.

Durante unha visita a Outeiro de Rei, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se acondicionarán a estrada LU-115, que conecta este municipio con Castro de Rei; a LU-231, entre Friol e Palas de Rei; e a LU-232 entre Friol e Lugo; as tres vías prestan servizo a unha poboación total de máis de 114.000 persoas.


Vaise proceder á renovación da capa de rodadura con mestura bituminosa en quente e da sinalización horizontal, xunto con outras actuacións en función do grao de deterioro que presente a calzada.

Así, no que respecta ás estradas LU-232 e LU-115, intervirase sobre a práctica totalidade da lonxitude, en especial nas zonas que presentan fisuración, roturas puntuais ou deformacións. No caso da LU-231, a actuación discorre desde o comezo da estrada en Friol (na conexión coa LU-232) e remata no quilómetro 9,400, en Palas de Rei.


O prazo de presentación de ofertas rematará o día 19 de abril; unha vez adxudicadas, o prazo previsto para a execución das obras é de seis meses.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page