top of page

Latín de 4º da ESO e cinco materias troncais de 2º de Bacharelato non se cursarán no IES de Melide

O motivo é que non acadan o número mínimo de cinco matriculados que esixen dende Educación tal e como o anuncia a comunidade educativa


Laura Moure/Melide

A comunidade educativa do IES de Melide vén de coñecer que o alumnado do IES de Melide de 4º de ESO matriculado en Latín e o de 2° de Bacharelato matriculado en varias

materias TRONCAIS de opción (Debuxo Técnico, Grego, Física, Historia da Arte e Xeoloxía) non poderá cursalas ao non acadar o número mínimo de cinco matriculados que esixe a Resolución do 17 de xuño de 2021 da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para seren impartidas. No caso de 2º de BAC trátase de materias que ponderan na ABAU para matricularse nas facultades da súa preferencia.


Por tal motivo, manifesta:

  1. A súa profunda preocupación por esta situación sen precedentes no IES de Melide, xa que ata o momento actual a inspección educativa ten autorizado grupos inferiores a cinco alumnos.

  2. Que non é aceptable que ao alumnado, a piques de comezar o novo curso, se lles obrigue a cambiar a súa matrícula e renunciar así ao seu proxecto educativo polo simple feito de residir nun concello do rural no que é máis complicado reunir un número determinado de alumnado para cumprir as esixencias da resolución, pero que teñen os mesmos dereitos que o alumnado urbano. O alumnado do IES de Melide queda, sen dúbida, nunha clara desvantaxe para acceder á Universidade con respecto a aqueles que teñen a opción de cursar estudos en centros de cidades nos que se imparten todas as optativas ou, de non seren así, teñen a posibilidade de cambiar a outro centro educativo próximo.

  3. Que tendo xa iniciada unha traxectoria educativa en 1º de BAC, non se lles permite continuala e ademais de verse obrigados a modificar a súa matrícula en 2º, nalgúns casos esíxeselles cursar materias chave de 1º de BAC que non cursaron o ano anterior por non ser do seu interese.

  4. Que parte dese alumnado aspira a facultades con nota de corte alta para as que precisarían non só ter coñecementos destas materias, senon tamén ponderar con elas na ABAU (caso de moitas enxeñerías e dobres graos coa Física e o Debuxo Técnico, Historia da Arte, Comunicación Audiovisual, Xornalismo e Filoloxía).

  5. Esta situación provoca, ademais, ao alumnado de 1º de Bac do IES de Melide unha absoluta inseguridade ao descoñecer previamente que materias terán continuidade en 2º de Bac e pode crear un precedente para que estas materias xa non sexan tidas en conta nos seguintes cursos.

  6. No caso de Latín de 4º de ESO, no que se matricularon catro alumnos, a súa supresión pode poñer en perigo o bacharelato de Humanidades, xa que esta materia é fundamental para traballar as futuras troncais desta modalidade.

  7. Consideramos que non se poden tomar este tipo de decisións tan perxudiciais sen dar tempo suficiente para que as familias podan decidir libremente, antes de matricularse nun centro, como afrontar o futuro educativo dos seus fillos e fillas.

Por todo o exposto esixe que non se recorte o persoal docente no IES de Melide para o presente curso 2021-2022 e que se autorice a impartición de todas as materias arriba citadas.


Ademais, a comunidade educativa do IES de Melide emprenderá as xestións e accións oportunas para impedir que se siga recortando a calidade do ensino no IES de Melide, e para que o seu alumnado teña os mesmos dereitos que calquera outro mozo ou moza de Galicia e estas queixas e demandas trasladáronllas á Xunta de Galicia e á Valedora do Pobo.


"Os pais queremos manifestar o noso malestar porque dende inspección educativa non contesten as nosas chamadas nin se poña ninguén da administración, ata o día de hoxe, en contacto coas nais e pais do alumnado afectado despois dos escritos remitidos", indicaron este luns.


Apoios

O equipo de goberno de Melide mostrou publicamente o seu apoio aos afectados. "O equipo de goberno do Concello de Melide, en permanente contacto coa ANPA do IES e cos pais e nais do alumnado afectado, quere mostrarlles o seu total apoio nas súas reivindicacións fronte a Consellaría de Educación. A supresión de materias supón un claro condicionante no futuro do alumnado afectado, así como unha clara desvantaxe para acceder á universidade ao ser materias evaluables na ABAU", indica.


Mentres, o grupo parlamentario do PSdeG-PSOE, a instancias do grupo municipal de Melide, presenta iniciativas no Parlamento autonómico para garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado de Melide e da comunidade galega.


NOTICIAS RELACIONADAS:



0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page