top of page

Jim Sports benefíciase do plan Emprega Xuventude, co que a Xunta apoia a incorporación de mozos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron esta firma palense


Laura Moure/Palas de Rei

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e os concelleiros Rodrigo González e Alba Villasante visitaron este martes as instalacións do grupo Jim Sports, empresa beneficiaria do plan Emprega Xuventude, co que o Goberno galego apoia a incorporación de mozas e mozos ao mercado laboral e que terá continuidade este ano.

Lorenzana destacou o papel decisivo que esta firma radicada en Palas de Rei ten para a economía local, provincial e autonómica. Puxo en valor a traxectoria de máis de 25 anos da empresa, integrada por sete firmas e que dá traballo a máis de 120 persoas. Todo isto, subliñou, mantendo o compromiso coa súa contorna, pois desde esta sede central de Palas de Rei, o Grupo Jim Sports está presente en 40 países.


Jim Sports é o maior distribuidor de material deportivo en España e referente no sector. O proxecto naceu en 1997 da man de Jesús Manuel Graña(“JIM”). Na actualidade, o conglomerado está integrado por sete empresas que se dedican á importación, venda nacional e exportación de material deportivo cun catálogo con máis de 17.000 referencias.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Jim Sports Technology e outra empresa do grupo, Sport Equipalia, que centra a súa actividade na fabricación de pistas de pádel, foron beneficiarias o ano pasado do Plan Emprega Xuventude da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Grazas a axudas por un global de 50.700 euros puideron incorporar tres persoas ás súas plantillas.

“Emprega Xuventude é un plan que este ano conta con 30 M€ para contratar uns 2.000 mozas e mozos en toda a comunidade autónoma”, explica a conselleira, quen puxo de relevo esta iniciativa que permite atender ás necesidades de empregabilidade deste colectivo prioritario e poder brindar ás persoas traballadoras máis novas a súa primeira oportunidade laboral.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page