top of page

Jesús Corral de Boimorto queda primeiro no XIX Campionato de Pesca Tradicional organizado pola Asociación de Troiteiros Río Furelos

O segundo e terceiro posto foi para Jesús Zas de A Coruña e Manuel Aguión de Curtis


Laura Moure/Melide

O pasado sábado 6 de abril disputouse nas augas do río Furelos (Melide-Toques) o XIX

Campionato de Pesca Tradicional organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”. A convocatoria tivo moito éxito e a sorte estivo moi repartida porque os agraciados no sorteo son pescadores de Melide, Toques, Sobrado, Friol, Monterroso, Arzúa, Curtis, Oroso, Agolada, Lalín, A Fonsagrada, A Estrada, Pontevedra, Santiago, Lugo e A Coruña.


A xornada comezou ás 7:30 horas na Churrería O Burato, onde se reuniron os 30 participantes que a deusa Fortuna escolleu de entre todos os inscritos (125). Alí, despois do preceptivo chocolate con churros, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (700 metros) que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz.

"De camiño ao río nunha mañá fría e bretemosa, cadaquén ía cavilando nas estratexias necesarias para contrarrestar coa máxima habelencia as inclemencias do tempo", sinala a asociación. Ás 8:30 horas deu comezo a competición e rematou coa concentración dos participantes para xuntárense todos na praia fluvial ás 13:30 horas. Mentres a organización os agasallaba cuns pinchos, levouse a cabo o reconto e medición das capturas. Rematados os labores de control por parte de representantes da Asociación o resultado da competición foi o seguinte: En total pescáronse 71 troitas da medida.


Gañadores

O campión foi Jesús Corral de Boimorto, que foi quen de meter no cesto 6 troitas.

O 2º lugar ocupouno Jesús Zas de A Coruña, con 6 capturas.

O 3º posto foi para Manuel Aguión de Curtis que meteu no cesto 6 troitas.


O premio pola mellor captura recaeu en Jaime de Verín que presentou unha troita que chegou a medir 54,50 centímetros acompañada doutras 4 capturas.


Publicidade

Na mesma Praia Fluvial tributóuselles un recoñecemento simbólico aos gañadores, porque a entrega de premios ficou reservada para o xantar que se celebrou ás 14:30 horas no Restaurante O Xaneiro de Toques. Ademais dos premios que lle foron entregados aos triunfadores, membros da asociación tamén entregaron agasallos en forma de material a todos os participantes.


A directiva de Troiteiros “Río Furelos” manifesta a satisfacción polo impecable desenvolvemento do campionato, o extraordinario comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que controlaron todo o proceso. En nome da Asociación, o seu presidente, Xavier Pazo Blanco, quere felicitar publicamente aos gañadores e, en xeral, a todos os participantes, e agradece, máis unha vez, o esforzo de institucións, Gardería do Servizo de Conservación da Natureza, empresas e particulares que

colaboraron na organización desta XIX edición do campionato de Pesca río Furelos".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page