Ambos foron interceptados por unha patrulla da Garda Civil cando circulaban cada un nun destes vehículos e un deles sen matrícula
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
A Garda Civil investiga a un veciño de Antas de Ulla, de 44 anos, por un suposto delito contra a seguridade viaria por permitir supostamente que o seu fillo, un menor de tan só 12 anos, conducise un quad de 125 centímetros cúbicos.
Unha patrulla da Garda Civil observou a dous quads que circulaban á altura do quilómetro 24.100 da estrada provincial LU-P-1809, no termo municipal de Antas de Ulla. Un deles, o que circulaba en segundo lugar, carecía da obrigatoria placa de matrícula. Ademais, pola constitución física do condutor, os axentes sospeitaron que podería tratarse dun menor de idade. Tras darlles o alto, comprobaron que, efectivamente, o condutor era un neno de tan só 12 anos de idade e ía aos mandos dun quad de 125 centímetros cúbicos, que debería estar matriculado. O outro condutor, que circulaba diante, tratábase do seu pai.
Por este motivo, o proxenitor foi imputado como cooperador necesario na comisión dun presunto delito contra a seguridade viaria, por carecer de permiso de condución o seu fillo e circular xunto ao menor “con plena consciencia dos feitos investigados”. Do menor, que debido da súa idade é inimputable penalmente, fíxose cargo a nai mentres se confeccionaban as dilixencias policiais. As dilixencias son remitidas ao Xulgado de Instrución de Chantada (Lugo).
Comments