"Dos orzamentos para 2022 da Xunta incidimos no seu continuísmo, que para o rural significa afondar na discriminación, na falla de inversións e na perda en servizos públicos"
Ecos da Comarca/Monterroso
A plataforma Interior Galego Vivo considera que a administración autonómica discrimina de novo ao rural. "Dado a coñecer o proxecto de orzamentos para 2022 da Xunta da Galiza podemos facer unha primeira valoración incidindo no seu continuísmo, que para o rural significa afondar na discriminación e na falla de inversións. É máis tamén perdemos en servizos públicos, nomeadamente en profesionais do ensino, da sanidade pública, dos coidados...".
O proxecto de orzamentos, recalca, conta con escasos fondos para o noso ámbito. "Non hai proxectos de calado (tampouco para a Ribeira Sacra ou as reservas de biosfera a pesar da propaganda), non existen liñas transformadoras nen tractoras de cara á integración das axudas europeas para saír dunha estrutura económica cada vez máis dependente e pauperizada", lamenta.
Porén, sobre todo, subliña que cómpre pór en destaque "a absoluta falla de transparencia coa que se xoga á mantenta coa finalidade de anunciar logo subvencións ou pequenos investimentos a bombo e plantillo segundo conveña. O plan é non ter plan... non está o rural co sector primario contra as cordas e as pensións perdendo poder adquisitivo para brincadeiras".
Pon algúns exemplos para explicar estas declaracións.
"Nos servizos sociais, o cofinanciamento para SAF e escolas infantís é cativo e obriga a concellos que perden poboación e recursos a achegaren cada vez proporcionalmente maiores recursos".
"Non hai política industrial, centrando os exiguos investimentos no turismo. Non hai plan tampouco para o Porto Seco. No capítulo de infraestruturas a Xunta repite un ano máis a partida para os accesos do Porto Seco coa N-120 (750.000 euros), sempre sen executar. Unha vergoña que mostra o desleixo das administracións con Monforte e a súa comarca, dado que a Xunta non conta cun proxecto integral de desenvolvemento industrial para a zona sur, que debe ir parello á modernización ferroviaria e impulso ao taller de Renfe".
O Plano de sustentabilidade turística da Ribeira Sacra, "para alén de non ser críbel, estará cofinanciado polo Estado e computa 2.4 millóns de euros, que nunca chegan a proxectos da mocidade ou investimentos que fixen poboación".
O ARI da Ribeira Sacra e as liñas de axuda para todas as reserva de biosfera totalizan 6.4 millóns (fundos Next Generation), "que se traducirán na práctica en subvencións das que se beneficiarán axentes externos e non a poboación local, favorecendo con este modelo a xentrificación e a especulación coa vivenda en aldeas moitas veces xa case practicamente baleiras".
O Plano de acción da paisaxe "é directamente fume: uns poucos milleiros de euros por concello para uns sinais (13.211euros )".
"Escasa transparencia no desglose territorializado dos recursos. Por exemplo, coñecemos o investimento na estrada Folgoso-Seoane ou na residencia de Monforte por datos do Delegado Territorial da Xunta en rolda de prensa, mais as partidas son xenéricas para toda a Galiza. Séguese apostando por macroresidencias e non se vai mudar o modelo de coidados a pesar da traxedia vivida nelas durante a COVID-19 e que hai fundos Next Generation".
"Mentres perdemos médicos e sanitarios anuncian centros de saúde máis, por exemplo para o de Antas recóllese apenas que "avanzarase nos procesos para dotar de novos centros de saúde aos concellos” sen maior concreción".
"Non se contempla nada desglosado para a maior parte dos concellos do interior galego como Laza, Xinzo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Chantada, Samos, Quiroga, Trives, Vilalba, Sober, Carballedo, Monterroso, Navia de Suarna, Saviñao...".
"O campo precisa unha fiscalidade rural e a reforma do financiamento local (acordos estatais), mais tamén unha Xunta que estea realmente ao servizo das galegas e galegos que viven, manteñen e producen no medio rural. De momento, non temos nen unha cousa nen a outra", recalca.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_64a52adb7f1a4563a7130c98c213a43e~mv2.jpg/v1/fill/w_960,h_640,al_c,q_85,enc_auto/0216be_64a52adb7f1a4563a7130c98c213a43e~mv2.jpg)
Seguro?
Eu creo que non leeron os orzamentos. Para Monterroso hai un orzamento de mais de 2.000.000 de euros para a edad.