Habrahan Ochum gaña o II Concurso de Murais do Concello do Pino coa proposta 'O último selo'
O artista logra un premio de 2.000 euros e executará un mural inspirado na última etapa do Camiño Francés e na Festa do Galo Piñeiro
Laura Moure/O Pino
O artista Habrahan Ochum Barrios Cortez é o gañador do II Concurso de Murais do Concello do Pino coa proposta O último selo, unha obra que será plasmada nun mural de gran formato e que contribuirá a reforzar a identidade turística e cultural do municipio, tomando como fío condutor dous dos seus principais sinais de identidade: o Camiño de Santiago e a Festa do Galo Piñeiro.

O xurado, reunido o 24 de xullo, acordou por unanimidade conceder o primeiro premio á
proposta gañadora tras valorar as oito obras admitidas a concurso. O último selo obtivo a
máxima puntuación posible, 15 puntos, ao destacar nos tres criterios establecidos nas bases: adaptación á temática, orixinalidade e dificultade técnica.
PUBLICIDADE
Na súa valoración, o xurado salientou que a proposta representa "de maneira excelente a
condición do Concello do Pino como última etapa do Camiño Francés", integrando tamén
elementos propios da Festa do Galo Piñeiro nunha composición de grande forza simbólica.
Así mesmo, destacou que o concepto do selo da persoa peregrina como elemento central
do mural constitúe "unha proposta singular, innovadora e perfectamente recoñecible", con
capacidade para converterse nun novo elemento identificativo do municipio. Tamén puxo
en valor a elevada calidade estética da obra e a súa notable viabilidade para ser executada sobre un soporte mural de gran formato.
O concurso contou finalmente con oito propostas admitidas, presentadas baixo lema para garantir o anonimato durante o proceso de valoración. O xurado estivo presidido polo
alcalde, Manuel Taboada, e integrado polo concelleiro José Fuentes, os artistas Cándido
Pazos e María Cruz Piñeiro, actuando como secretario Manuel Rodríguez.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Como gañador, Habrahan Ochum recibirá un premio de 2.000 euros. Ademais, o Concello
asumirá a adquisición dos materiais necesarios para a execución da obra ata un importe
máximo de 1.000 euros (IVE incluído).
PUBLICIDADE
A realización do mural comezará esta mesma semana, co obxectivo de que estea xa concluída de cara á celebración esta fin de semana da Festa do Galo Piñeiro. Coa segunda edición deste certame, o Concello do Pino consolida unha iniciativa que busca
embelecer espazos públicos mediante intervencións artísticas de calidade, ao tempo que promove a difusión dos principais recursos patrimoniais, culturais e turísticos do municipio
a través da arte urbana.










Comentarios