"Gorda, porca. Eu non quero facer o traballo contigo. Nin teus pais te queren"
Laura Moure/Xeral
María é unha rapaza de 15 anos. Xa vai ao instituto, pero ela leva a mochila máis cargada que os seus compañeiros. Cargada de todos eses insultos, de falta de autoestima e desas sensacións de rexeitamento cara ela mesma que foi acumulando durante a infancia. "Porca", "Gorda", "Foca", "Teus pais non puideron facerte peor, que nin eles te queren". "Eu con esa non quero facer o traballo". "Eu non me quero sentar ao lado desa". "Aparta que nin das corrido". "Inútil". Estes eran os continuos insultos que recibía nos últimos cursos no seu colexio. Si, eran tres ou catro os "guais" da clase os que a trataban así de mal, pero todos os demais tamén eran cómplices. Cómplices co seu silencio.

Eu non quería contarllo a meus pais. Porque eu mesma cria os insultos dos demais. Claro que era gorda. Tiñan razón, pensaba eu. Peso 37 quilos, cando teño dez anos e debería pola miña altura pesar 33. Así que empecei a nin mirarme no espello. Non me gustaba. Detestábame.Tamén apenas comía. Quería gustar aos demais... Para min ir ao colexio era un inferno. As risas de fondo, estar soa no patio, recibir insultos e máis insultos...
Máis dunha vez finxín estar enferma o día do meu aniversario, porque nin ese día me daban unha tregua. Aquel día no patio fixéronme a zancadilla e acabei no chan rompendo os anteollos. Esas risas de fondo non as dous sacado da cabeza. Aínda hoxe en día teño pesadelos e cóstame relacionarme ca sociedade. A terapia coa psicóloga e o apoio de meus pais fan que todo sexa máis fácil aínda que os adiantos sexan lentos.
Tampouco me esquezo de Andrea. Esa mestra que chegou cando quedaban dous meses para finalizar sexto de Primaria. Veu para substituír a nosa titora que collera baixa por unha operación. Andrea é desas mestras que ten vocación, que se pon do lado do seu alumnado e dende o minuto un empatizou conmigo. Só lle bastou unha clase con nós para saber o gran abismo no que estaba eu metida e tamén para ver os crueis que eran os meus compañeiros, uns nenos de tan só dez anos. Ela salvoume, porque os problemas hai que ataxalos de raíz e non mirar para outro lado.
Este é un relato ficticio, pero por desgraza, hai moitas Marías, Sandras, Pablos e Josés, porque o nome é o de menos, que sofren acoso escolar, o que se coñece como buylling. Hoxe, como cada 3 de novembro, celébrase o Día Internacional contra a Violencia e o Acoso Escolar. É moi importante concienciar e incidir nesta problemática entre as idades máis temperás, porque sen dúbida, os nenos poden ser moi crueis e isto está provocando moita dor noutros cativos, que incluso os levan ao suicidio. E nunca, nunca debemos mirar para outro lado ante calquera tipo de violencia. Salvemos a máis Marías!








Comentarios