González Casares reivindica en Arzúa o Camiño Francés como símbolo de paz e conciencia europea
- Laura Moure

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
O eurodeputado socialista defendeu a protección da paisaxe do Camiño e aludiu a Altri
Laura Moure/Arzúa
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares participou onte en Ribadiso, en Arzúa, no acto organizado pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, que por primeira vez nos seus 25 anos de vida recibiu a eurodeputados galegos.

Na súa intervención, González Casares puxo o foco na dimensión europea do Camiño e na súa vixencia política e cultural. “Tras 40 anos da nosa integración na Unión Europea, podemos comprobar, con perspectiva histórica, todo o que avanzamos como país e como sociedade”, afirmou.
O eurodeputado salientou que o Camiño de Santiago é “moito máis ca unha ruta de peregrinación: é un dos elementos centrais que contribuíron a forxar unha conciencia europea compartida, baseada no encontro e no respecto mutuo”. Nesa liña, subliñou con rotundidade: “O Camiño é paz, Europa é paz e tamén democracia”.
Publicidade
Para González Casares, ambas realidades están profundamente conectadas. “A Unión Europea e o Camiño complétanse: antes tecían vínculos entre pobos; hoxe consolídannos con cooperación e dereitos. Para Galicia, ambos son irrenunciables”, asegurou.
O eurodeputado incidiu tamén na necesidade de preservar os valores que identifican o territorio. “O Camiño de Santiago non se entende sen o respecto ao patrimonio e á nosa paisaxe. Tampouco a UE permite a alteración do noso medio dun xeito drástico. Non é unha cuestión de que todo permaneza intacto, pero si de saber conservar os valores que fan a unha terra especial”, defendeu.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

“Pode haber industria, pero non de calquera xeito”, afirmou, lembrando a súa oposición ao proxecto de Altri. Chamou a reflexionar sobre a transformación da contorna nos últimos 50 quilómetros da ruta, advertindo do risco de que a paisaxe se converta nun monocultivo de eucaliptos.
Publicidade
O acto tivo como eixo central a lectura dun manifesto por parte da presidenta da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, Begoña Balado Conde, no que reivindicou o Camiño Francés como arteria principal de Europa e piar da cultura europea. Xunto a González Casares participou tamén o eurodeputado Francisco Millán Mon, e o encontro contou coa presenza do director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa Montenegro, así como dos representantes dos once concellos que integran a Mancomunidade.
“Pola porta das nosas casas, circularon ideas e valores, a través de xentes de toda condición, que constituíron a verdadeira orixe e cimento da nosa cultura europea. Tense dito que Europa fíxose peregrinando, polo menos esa Europa enfocada na concordia, no progreso e na convivencia” sinala Begoña Balado, quen ademais afirma ao referirse os representantes do Camiño Francés en Galicia “Somos os depositarios últimos desa gran tradición na que se fundamentou Europa”.








Comentarios