top of page

Formoso chama á responsabilidade dos políticos de Touro para non perder máis dun millón de euros

O presidente provincial visitou onte o municipio e ofreceu a mediación da Deputación para intentar desbloquear a situación, que prexudica á veciñanza do municipio


Ecos da Comarca/Touro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este luns o Concello de Touro, onde foi recibido polo alcalde, Roberto Castro Rocamonde, e os integrantes do goberno municipal. Na visita participaron tamén os deputados provinciais Bernardo Fernández e Antonio Leira. Durante o encontro celebrado no salón de plenos do Concello, Formoso alertou da grave situación que vive o municipio por ser o único dos 93 da provincia que non aprobou en tempo e forma o Plan Único (POS+2025), debido á falta de acordo entre os grupos municipais para decidir o destino dos fondos.


As bases do Plan Único establecen que os investimentos aos que se destinarán os fondos deben ser aprobados polo pleno municipal. A falta deste acordo plenario no prazo estipulado imposibilita a transferencia dos fondos, o que supón un prexuízo directo para os veciños e veciñas.

Esta circunstancia fai que Touro perda este ano 753.250 euros da primeira achega do POS+2025, aprobada no pleno da Deputación do pasado venres para os restantes 92 concellos da provincia. A esta achega poden sumarse agora os 269.190 euros do plan adicional, que o Concello de Touro pode aprobar aínda mediante acordo plenario entre o 23 de xuño e o 12 de setembro.


De non haber acordo tampouco acordo sobre a achega adicional, o municipio perdería máis de 1 millón de euros de investimentos este ano, o de maior orzamento do POS da historia da Deputación, con 116 millóns para todos os concellos da provincia. Formoso alertou da singularidade deste escenario. "Dende a Deputación, estamos moi preocupados pola dinámica política do Concello. Vemos que é o único da provincia no que parece complicado sacar adiante un plan tan esencial para os municipios como é o POS, que no caso de Touro supón arredor do 30% do orzamento municipal e practicamente ao 90% das inversións do Concello", subliñou.


O presidente provincial fixo un chamamento á responsabilidade das forzas políticas do municipio para deixar de lado os intereses partidistas e priorizar o ben común. "É urxente acadar un acordo que impida que Touro quede paralizado a nivel de investimentos", sinalou.


"Sempre somos moi respectuosos coa autonomía local e coa dinámica política de cada municipio. Nunca nos inmiscuímos salvo que se poñan en risco cartos que son de todos os veciños e veciñas de Touro", argumentou Formoso, que ofreceu que a Deputación xogue un papel mediador entre todos os grupos "para desbloquear os fondos provinciais e que o POS+2025 poida converterse, canto antes, en obras e servizos públicos que melloren a calidade de vida da veciñanza de Touro", apuntou.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Desde a súa creación, o Plan Único permitiu investir máis de 7,5 millóns de euros no municipio, financiando 81 obras, na súa maioría melloras de estradas e camiños rurais, actuacións de saneamento e abastecemento de auga ou construción de sendas peonís.

Tras a reunión no Concello, Formoso e o alcalde visitaron algunhas das actuacións executadas co POS en anos anteriores, como a senda peonil de Tarrío a Silva (Bama) ou o saneamento de Obra, exemplos do impacto positivo que ten o Plan Único na mellora dos servizos e infraestruturas do rural.


O presidente provincial reclama á Xunta incrementar o financiamento municipal

Noutra cuestión relacionada co financiamento dos concellos, Formoso esixiu á Xunta de Galicia un maior esforzo inversor en materia de apoio aos municipios. Fixo fincapé en que o organismo autonómico, a través do Fondo de Cooperación Local (FCL), investirá este ano menos cartos nos 313 concellos galegos que a Deputación da Coruña, mediante o POS+, nos 93 municipios da provincia.


"A nosa reclamación é clara: a Xunta debe incrementar a contía do Fondo de Cooperación Local ata un mínimo de 200 millóns de euros de forma inmediata", afirmou o presidente da institución provincial, lembrando que "os custos para os concellos cada vez son maiores e a Xunta, responsable neste eido, debe ser sensible".






Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page