Ferido o condutor dun camión de transporte de animais vivos tras sufrir unha saída de vía en Melide
Ecos da Comarca/Melide
A saída de vía dun camión de transporte de porcos, ocorrida esta pasada noite no concello de Melide, saldouse co traslado do condutor do vehículo e coa necesidade de cortar a estrada N-547.
Arredor das 22:00 horas, unha testemuña do sinistro púxose en contacto co 112 Galicia para informar de que un camión acababa de envorcar no punto quilométrico 46, da N-547, en Furelos. Na comunicación, xa se indicaba que o condutor estaba fóra do vehículo e que o camión, dedicado ao transporte de animais vivos, cortaba a circulación na calzada.
Deste xeito, desde o CIAE-112 Galicia notificóuselle o suceso aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local, aos Bombeiros de Arzúa e a Protección Civil do municipio.
Unha vez chegados ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que o condutor xa ía ser trasladado pero que as condicións na estrada eran perigosas, debido aos animais que se atopaban, tanto vivos coma mortos, nela. Como consecuencia, procedeuse ao corte do tráfico na calzada ao mesmo tempo que se habilitou unha ruta alternativa para a circulación, mentres os porcos vivos eran trasladados noutros camións e os animais falecidos están, arestora, sendo retirados do punto.
Co fin de asegurar a circulación na estrada, o 112 Galicia tamén informou ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía.
