Este domingo celebrarase o XIV Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei
- Laura Moure
- 6 may 2022
- 2 Min. de lectura
Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices das aulas de teatro desta localidade, de Touro, de Teo e de Santiago de Compostela
Laura Moure/Palas de Rei
Este xoves presentouse o XIV Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei que se celebrará este domingo, 8 de maio, no Castelo de Pambre e na Casa de Cultura da localidade. Este evento está organizado polo Concello, polo obradoiro municipal de Teatro de Palas, pola Asociación Cultural Palacio do Rei, pola Asociación Cultural A Fonte de Merlán, poloa Coral Polifónica de Palas de Rei, por Metátese Teatro e por Alentía Teatro. Na presentación estiveron presentes o alcalde desta vila, Pablo Taboada, o representante da Coral Polifónica de Palas de Rei, Suso Andrade Expósito, e o director de Metátese Teatro, Afonso García.

Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de catro aulas de teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Teo, Touro, Compostela e Palas de Rei). E o programa deste festival é o seguinte:
Haberá un roteiro teatral, poético e musical ás 16:00 horas no Castelo de Pambre, que estará protagonizado por alumnado do obradoiro municipal de Teatro e pola Asociación Cultural Palacio do Rei, a Fonte de Merlán e a Coral Polifónica de Palas de Rei. Este roteiro consta de sete escenas que permiten imaxinar o bulicio que en Pambre existiu arredor do Castelo e permite coñecer o funcionamento destas asociacións a través da interpretación de varias pezas musicais.
Ás 18:30 horas, na Casa da Cultura da vila, o obradoiro municipal de teatro de Palas de Rei, a aula de teatro do IES de Cacheiras, a aula de teatro do CPI Fonte Díaz, de Touro e A aula de teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo Reviracontos. Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un
concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano. As actrices e actores destas compañías amosan a través das súas escenas a posta en práctica de valores fundamentais como a paz, o respecto ao medioambiente, a tolerancia, a solidariedade, a integración...
A través dunha viaxe ao mundo dos contos relatados pola literatura popular e culta, as actrices e os actores destas compañías reivindican tamén o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas emocionalmente equilibradas, autónomas, libres; poñen de manifesto a relevancia da solidariedade con aqueles seres humanos que sofren pola súa condición de xénero ou raza e reivindican o valor dos proxectos educativos colectivos…
Datas
Este festival permite que o alumnado das catro aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2021/22 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 9 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, continou o 27 de marzo en Touro, o 5 de abril en Langreo, o 6 de abril en Sestao, o 30 de abril en Teo e continuará en Palas de Rei e Compostela.
Comments