top of page

"Esta década dirixindo a Banda de Música de Antas de Ulla foi un desfrute continuo"

"Non hai nada máis bonito que ver un pobo sorrir escoitando a súa banda de música"

Javier González Borrajo.

ENTREVISTA AO AGOLADÉS JAVIER GONZÁLEZ BORRAJO DIRECTOR DA BANDA DE MÚSICA DE ANTAS DE ULLA QUE DEIXARÁ O SEU CARGO NUNS MESES


Laura Moure/Antas de Ulla

Hoxe en ECOS DA COMARCA conversamos co agoladés Javier González Borrajo, cuxa paixón pola música comezou dende moi pequeno. Conta cunha brillante traxectoria profesional no eido musical e actualmente dirixe a Banda de Música de Antas de Ulla, un cargo que ocupa dende hai unha década. Sen embargo, anuncia que deixará a batuta nuns meses.


1. Por que tomou esta decisión?

Puramente por agotamento físico e sobre todo mental. Dez anos de moito traballo que

acaban pasando factura.


2. Cando deixará o seu cargo?

Non hai unha data prevista. Temos un concerto pendente (concerto de Nadal que se

suspendeu) e logo veremos se se fai un concerto de despedida/presentación do novo

director/a. Tanto a directiva como eu cremos que o mellor é un cambio progresivo polo que non iremos con présas. En calquera caso imaxino que en dous ou tres meses deixarei o cargo.


3. Levaba case dez anos ao fronte da banda. Como definiría esta década dirixindo esta formación?

Pois realmente foi un desfrute continuo. Si que é certo que os comezos foron máis

delicados porque non había practicamente nada, pero como se botou a andar pronto a

escola de música, pronto se foron facendo músicos e a partir de aí foron 10 anos de crecemento continuo ata hoxe en día, que sen dúbida ningunha a banda está nun

gran momento musical.


4. Que é o máis e o menos bonito de dirixir unha banda?

Hai moitísimas cousas bonitas. Imaxino que o máis é cando botas meses preparando un concerto e por fin podes ofrecelo e polo tanto, ver o resultado final. Tamén os pasarrúas e actuacións en Antas de Ulla sempre son especiais. Non hai nada máis bonito que ver un pobo sorrir escoitando a súa banda de música. O menos bonito quizais son as dificultades que a asociación se atopou polo camiño. Así como internamente se profesionalizou moito a escola de música: conseguiuse un convenio económico coa Deputación de Lugo, material instrumental, mobiliario, etc. Externamente non avanzamos practicamente nada. Existe un déficit de infraestruturas moi grande. Non é doado cando hai que desprazarse quilómetros para recibir clases da escola de música dunha ou outra materia. É algo que lastra moito o funcionamento interno da asociación e que leva un esforzo extra continuo de todos os membros activos da asociación. Sen dúbida, é a asignatura pendente, pero é algo que non depende da asociación.


5. Como se logrou pasar duns 15 músicos cando chegou vostede a medio cento deles e ter a mesma cifra na escola de música? Cal é o segredo?

O único segredo foi o traballo continuo. Sempre tiven claro que obxectivo número un era

formar e potenciar a escola de música: profesionalizala con mestres titulados para cada especialidade, potenciala a través de concertos didácticos, concertos de fin de curso, campamentos musicais… É o proxecto máis importante da asociación. Sobre o 80% da banda de hoxe en día empezou na miña etapa. É un dato que non deixa lugar a dúbidas. É o único camiño para garantir o futuro da banda.

6. Supoño que o ano 2021 foi moi especial ao cumprir a banda 125 anos. Que destacaría da celebración desta data?

Foi un ano inesquecible e incluso diría que histórico. Persoalmente tamén o tiña entre cellas porque sempre me resultou curioso que unha banda tan antiga non tivese un documento no que se reflectise a súa historia. Creo que era unha asignatura pendente e despois dun traballo de ano e medio de “investigación” liderado por Eduardo Salgado (trompetista da formación) conseguiuse elaborar unha historia mais ou menos real da Banda de Antas de Ulla que se recolleu nun libro que será presentado no noso vindeiro concerto. Todo o mundo ten ou tivo relación coa banda do seu concello e paréceme fermoso que cada veciño de Antas de Ulla poida ter na súa casa a historia da súa banda de música. A Semana da Música, a gala central do 125 Aniversario onde se reuniu a tanta xente que pasou pola formación…momentos que dificilmente poderemos esquecer.


7. Cales son os seus plans de futuro no eido profesional? Gustaríache volver a ser director?

Agora mesmo non sinto esa paixón pola batuta que sentía hai 10 anos polo que a curto prazo non entra nos meus plans volver dirixir, pero evidentemente nunca se sabe. O que preciso agora é descansar e centrarme un pouco máis no meu instrumento, a trompa xa que son mestre de trompa na Banda Municipal de Santiago de Compostela e no Conservatorio de Lalín. Cousas que viñeron posteriormente á Banda de Antas de Ulla, pero que claramente para min son unha prioridade.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page