esLibre26 pecha en Melide cuns 200 asistentes e consolidando a comunidade do software libre
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 3 Min. de lectura
O encontro, que este ano saíu das grandes cidades para celebrarse no rural, conforma unha comunidade activa e comprometida que traballa todo o ano en múltiples proxectos
Laura Moure/Melide
O congreso estatal esLibre26 clausurou este sábado a súa edición en Melide tras dúas xornadas intensas de actividade nas que se reuniron preto de 200 persoas arredor do software libre, a tecnoloxía aberta e a cultura colaborativa. O encontro, que este ano saíu das grandes cidades para celebrarse no rural galego, consolida así unha comunidade activa e comprometida que traballa durante todo o ano en múltiples proxectos compartidos.
A segunda xornada estivo marcada por unha ampla diversidade de contidos, con especial protagonismo da soberanía dixital e as infraestruturas abertas. Propostas como o GallaecIA Media Hacklab puxeron o foco na relación entre xornalismo e IA nun contexto experimental e aberto, mentres que relatorios sobre modelos de linguaxe ou arredor da IA autoaloxable abordaron os retos tecnolóxicos actuais desde unha perspectiva crítica e ética.
A dimensión social e comunitaria tamén estivo moi presente ao longo da xornada, con iniciativas de intercooperación tecnolóxica, ciberactivismo desde os territorios ou proxectos orientados á economía social e solidaria. Do mesmo xeito, cuestións como a transición enerxética xusta, o autoconsumo ou a protección de datos reforzaron a idea do software libre como ferramenta clave para afrontar desafíos sociais e ambientais.

No ámbito técnico, as charlas e talleres abrangueron desde linguaxes de programación e infraestruturas abertas ata ferramentas para a creación musical, o desenvolvemento web, a soldadura de compoñentes electrónicos ou a produción audiovisual con software libre, amosando a madurez e diversidade do ecosistema.
Ao longo da xornada, participantes e relatoras coincidiron en destacar o ambiente e a calidade do encontro. “É un congreso moi especial, non só polo nivel das charlas, senón pola sensación de comunidade que se respira en todo momento”, sinalaba unha das asistentes. Pola súa banda, unha das poñentes subliñaba que “esLibre é un espazo onde compartir coñecemento de forma aberta, pero tamén onde reencontrarse con xente coa que levas anos colaborando en proxectos”.
O papel do voluntariado foi tamén clave no desenvolvemento do evento. “Hai moito traballo detrás, pero paga a pena ver como a xente goza, aprende e se conecta”, explicaba unha das persoas voluntarias implicadas na organización.
PUBLICIDADE
A clausura do congreso contou coa intervención de representantes das asociacións organizadoras, que puxeron en valor o significado desta edición. “É un orgullo traer un evento como esLibre a Melide, despois de pasar por cidades como Vigo, Zaragoza, Granada ou Valencia. Demostra que tamén desde o rural se poden facer cousas de gran nivel”, sinalaron. Así mesmo, destacaron a resposta do público e o ambiente xerado: “Ver máis de 200 persoas aquí, compartindo coñecemento e comunidade, é algo que nos emociona e nos dá forzas para seguir”.
Desde a organización quixeron tamén agradecer o apoio de todas as persoas, entidades e voluntariado que fixeron posible o encontro, incidindo en que esLibre “é, ante todo, un congreso feito pola comunidade e para a comunidade”.
PUBLICIDADE
Como peche da xornada, as persoas asistentes puideron participar nun roteiro fotográfico por Melide, reforzando así o vínculo entre tecnoloxía, cultura e territorio. Con esta edición, esLibre reafirma o seu papel como punto de encontro clave do software libre, fortalecendo unha rede colaborativa que continúa activa máis alá do propio congreso.








Comentarios