Enreguéifate xa ten aberto o prazo de inscrición do seu certame de regueifas en vídeo
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
O proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo
Laura Moure/Arzúa

Desde o día 12 de xaneiro e ata o 6 de marzo está aberto o prazo de inscrición no certame de regueifas en vídeo do Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, centrado na divulgación e posta en valor da improvisación oral en verso en lingua galega.
Para participar é preciso enviar un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando sobre un tema libre. A inscripción deberá realizarse a través da web do proxecto, www.enregueifate.gal, onde tamén poden consultarse as bases completas do certame.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Baixo o lema Versos doutro universo, a novena edición do certame contará novamente con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa interesada, e outra escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Como en edicións anteriores, en cada categoría outorgaranse oito regueipremios, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.
Publicidade
A participación no certame foi promovida entre a mocidade a través das actividades formativas desenvolvidas nos centros educativos polos formadores e formadoras do Enreguéifate: Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo. O alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO tivo así a oportunidade de achegarse aos xéneros de improvisación oral en verso, como ferramenta para fomentar o uso do galego e contribuír á súa normalización no eido educativo e cultural, no camiño de manter viva a nosa lingua entre as novas xeracións.
Publicidade
Así, o proxecto pechou o primeiro trimestre escolar con medio cento de obradoiros de improvisación oral realizados nunha vintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, coa previsión de desenvolver outros tantos obradoiros entre este mes de xaneiro e febreiro de 2026.








Comentarios