“Enredando Tour Amtega” percorrerá 20 localidades galegas, entre elas Silleda
- Laura Moure
- hace 4 días
- 3 Min. de lectura
Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolven esta iniciativa para reducir a fenda dixital en persoas con 55 e máis anos
Laura Moure/Silleda
A presentación do “Enredando Tour Amtega 2025” tivo lugar onte en Silleda, unha das localidades nas que, nesta edición, estanse a desenvolver obradoiros cuxo principal obxectivo é reducir a fenda dixital e proporcionar ferramentas para o uso das tecnoloxías ás persoas maiores de 55 anos. O Conselleiro de Facenda, Miguel Corgo, a presidenta de Cruz Vermella, Mercedes Casanova e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, foron as persoas encargadas de dar a coñecer os detalles e novidades desta iniciativa.
Para promover a capacitación dixital das persoas participantes nos obradoiros cóntase cunha furgoneta equipada con todos os dispositivos necesarios (portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes...) e móntase un espazo formativo itinerante nun lugar céntrico de cada localidade para favorecer a participación das persoas que desexen participar e vivan
nela. O tour fixo parada onte na Praza do Concello de Silleda e continuará durante os meses de maio a xullo por outras localidades galegas.

A iniciativa cumpre dous obxectivos primordiais. Por unha banda, que as persoas con 55 e máis anos non queden fora do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes, e por
outra, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para
elas.
Esta actividade é froito da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Cruz Vermella en Galicia, que se uniron por terceiro ano para facer este roteiro e este programa formativo en competencias dixitais pola nosa comunidade autónoma.
Publicidade
Reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende Cruz Vermella en Galicia é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de
residencia, entre outros.
Contidos e novidades
Os obradoiros son impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella e
desenvolveranse polas mañás en horario de 10 a 14 horas. Neles ofrécense contidos formativos que faciliten o achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e
presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. O máis importante é que o colectivo pérdalle o medo ás tecnoloxías e que desenvolva habilidades básicas ao familiarizarse con
aplicacións que empregan intelixencia artificial e con conceptos como a realidade
inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda,
realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e a ciberseguridade.
Ademais, como novidade, realizaranse obradoiros para mellorar a capacitación dixital
en persoas que estean á procura ou mellora de emprego.
Publicidade
Localidades
O roteiro empezou hoxe en Silleda e continuará polas provincias de Pontevedra, Ourense,
A Coruña e Lugo facendo paradas nas seguintes localidades: Forcarei, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Barbadás, Ourense, A Rúa, Celanova, Carballiño, Cabana de
Bergantiños, Tordoia, Trazo, Frades, Boiro, Vilalba, Guntín, Mondoñedo, Ribadeo e
Foz.
As persoas interesadas nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono
gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
No espazo das formacións daráselles tamén o apoio dixital que necesiten e se quedan con
dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a
través da web enredando.gal
Comments