En marcha as obras de reforma integral do parque de Laro
- Laura Moure

- hace 3 minutos
- 2 Min. de lectura
O Concello de Silleda amplía ata o 3 de decembro o prazo de inscrición do certame #SilledaFaiNadal
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar nos últimos días as obras de reforma integral do parque e do entorno do centro social de Laro, unha actuación comprometida coa veciñanza e que supón un investimento de 46.000 euros con cargo ao Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, visitou os traballos acompañada do director de obra, co obxectivo de supervisar a posta en marcha do proxecto e coñecer as primeiras actuacións sobre o terreo. As obras, adxudicadas á empresa Míguez Xestoso, permitirán modernizar e dignificar un punto de encontro fundamental para a vida social da parroquia. O espazo contará cun novo peche perimetral, dúas zonas diferenciadas e unha reordenación que mellorará a comodidade e accesibilidade das instalación. Así, ademais dunha zona infantil na que se renovarán xogos e pavimento, incrementando a seguridade dos nenos e nenas; tamén contará cunha zona de descanso e convivencia, con novo mobiliario urbano e integración do parque biosaudable, que será recolocado para optimizar o uso do espazo.
Tamén se actuará sobre o mobiliario deteriorado e mellorarase a accesibilidade do entorno, garantindo un espazo adaptado a todas as idades e pensada para o desfrute da veciñanza e das familias. “Estamos a cumprir coa veciñanza de Laro e coa súa demanda de contar cun espazo renovado e seguro. Esta intervención permitirá recuperar un lugar de encontro, pensado para nenos, maiores e para a vida comunitaria desta parroquia”, sinalou Fernández Pena durante a visita.
Publicidade
Por outra banda, o Concello de Silleda amplia ata o mércores 3 de decembro o prazo de inscrición da VI edición do certame #SilledaFaiNadal, co fin de facilitar a participación da veciñanza e entidades que aínda están ultimando os seus proxectos de decoración. O concurso, que aposta por crear un ambiente festivo e participativo en todo o municipio, mantén nesta edición as novidades anunciadas durante a súa convocatoria inicial, como a creación de novas subcategorías nas modalidades individual e colectiva, ou a redistribución dos premios, que suman en total 3.525 euros, aumentando a contía respecto ao ano pasado, e que consisten en vales para consumir no comercio e hostalaría local.
Ademais, como novidade tamén se amplian as categorías. Na modalidade individual diferéncianse as decoracións de Casas unifamiliares por un lado e balcóns e galerías en edificios por outro. Na modalidade colectiva establécense tamén dúas categorías: Prazas e espazos públicos e Comunidades de edificios
Publicidade
O certame recoñecerá a creatividade, o esforzo e o uso de materiais sostibles, valores que se continuarán a fomentar nesta edición xunto ca participación da veciñanza.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario dispoñible na web municipal www.silleda.gal , e as decoracións deberán permanecer visibles entre o 15 de decembro e o 6 de xaneiro.








Comentarios