top of page

Eloy Pérez pide o apoio para o proxecto “serio eviable” do Partido Popular

"Porque está en xogo o futuro de Monterroso”, recalca o candidato


Ecos da Comarca/Monterroso

Eloy Pérez sinalou ao Partido Popular como “a única alternativa seria e viable” para formar goberno “avalado pola xestión eficaz e sen discriminación demostrada nestes anos”. Nese sentido, convidou aos veciños e veciñas a “valorar as distintas propostas e meditar o voto” porque “está en xogo a convivencia, o presente e o futuro da nosa vila”. Así o manifestou durante a súa intervención nun mitin no que estivo arroupado pola responsable de Medio

Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ángeles Vázquez; o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal, e o senador José Manuel Barreiro. E tamén tiveron ocasión de intervir algúns membros da candidatura popular en Monterroso.


Pérez tamén subliñou que “o PP garante as inversións para Monterroso” fronte a “unha mestura de formacións que poden supoñer catro anos de seca inversora” ou “volver a endebedar o Concello e subir os impostos aos veciños”. Pola súa banda, explicou que, “fronte a outros candidatos que se non chegan ao goberno foxen de Monterroso, a candidatura do Partido Popular somos xente que vive e traballa aquí”. Tamén dixo que “nos presentamos co ánimo de traballar por Monterroso e os nosos veciños dende a seriedade, a honestidade, a humildade e o respecto; e non movidos por cuestións persoais”.

O alcaldable propúxose acadar nos vindeiros catro anos, entre outros proxectos: “unha verdadeira residencia da terceira idade para persoas con dependencia de diversos graos e cunha área especializada para enfermos de alzhéimer, unha verdadeira conexión de alta capacidade coa autovía A-54 e a rehabilitación da área recreativa da Peneda”. O programa electoral dos populares recolle outras moitas propostas coma un plan de aglomerado en quente das vías municipais; impulsar a vía de peregrinación coñecida como Camiño Santo que atravesa Monterroso; impulsar o centro de interpretación ‘Monterroso. A Vila das Feiras’; xestionar a declaración de festa de interese turístico nacional para a Feira de Santos; mellorar os servizos sociais ou apoiar ao tecido social, empresarial, comercial, deportivo e cultural.


Pérez explicou tamén que xa está en marcha o proxecto para ampliar a depuradora e, incluso, a Xunta ten orzamentado máis de 2,5 millóns de euros ata o 2024.


MEDIO AMBIENTE E URBANISMO

Eloy Pérez aposta pola rehabilitación integral da área recreativa da Peneda. Neste senso, a titular de Medio Ambiente da Xunta de Galicia ratificou, durante o mitin, o seu compromiso para facer posible a remodelación deste espazo.


Os populares tamén subliñaron a necesidade de “dotar a Monterroso dun PXOM acorde ás necesidades actuais da vila, porque na actualidade está limitando o seu crecemento xa que non hai solo dispoñible para construír vivendas” Tamén en materia de vivenda, Ángeles Vázquez defendeu as políticas do Goberno galego para favorecer a rehabilitación e poñer a disposición dos interesados vivenda en réxime de alugueiro.


ESTABILIDADE, SENTIDIÑO E VOTO ÚTIL

Ángeles Vázquez, Javier Vázquez Nodal e José Manuel Barreiro coincidiron en sinalar que “a estabilidade só pode vir da man do Partido Popular e Eloy Pérez ten demostrado capacidade de xestión dende a seriedade, o traballo e a lealdade aos monterrosinos”.

A representante do Goberno galego recordou que Eloy Pérez e o seu equipo representan o modelo de goberno do sentidiño. O secretario xeral do PP lucense sinalou que o Partido Popular foi o sustento da gobernabilidade municipal nos últimos anos, fronte ao desasosego dos gobernos de Gato, e tamén das principais actuacións deste tempo en Monterroso. O proxecto que encabeza Eloy aporta certezas e, polo traballo feito, merece a maioría absoluta”. Lembrou, ademais, que “o Partido Popular aspira a gobernar en Monterroso, igual que no resto de concellos do partido xudicial de Chantada, para aproveitar as sinerxías e mellorar a colaboración”.


E o senador lucense apelou ao “voto útil” porque “todos os votos que non sexan para o Partido Popular supoñen un apoio explícito a Sánchez. Todas aquelas persoas descontentas co Goberno de Sánchez teñen a oportunidade de demostralo nas urnas”, apuntou.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page