EGAV cuestiona o modelo de xestión da auga que a Deputación de Pontevedra defendeu en Bruxelas
O colectivo lamenta que haxa "ríos contaminados, captacións sen control e unha Xunta que falla na protección real da auga"
Ecos da Comarca/Deza
Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) cuestiona a presentación en Bruxelas do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, do modelo de comunidades de usuarios de auga (plans +Aqua e +Novaqua) como exemplo de xestión “moderna, sostible, participativa e democrática” fronte ao cambio climático e recalca que esixe unha resposta baseada en feitos, non en relatos.
O colectivo explica que as comunidades de usuarios abastecen a aproximadamente un terzo da poboación da provincia de Pontevedra e a arredor do 23-25 % da poboación galega. "Iso é unha realidade histórica e territorial. Presentalas como “o último bastión dun sistema sostible” e como resposta climática, sen mencionar os riscos sanitarios, a vulnerabilidade fronte á seca e a contaminación crónica de ríos e acuíferos, é propaganda".
PUBLICIDADE
Os datos que o discurso omite
Unha parte significativa destas captacións, apunta, "carece de controis sanitarios sistemáticos. Estimacións de Augas de Galicia e estudos técnicos apuntan a que case 600.000 persoas en Galicia consumen auga de traídas ou pozos privados cunha seguridade comprometida por contaminación bacteriolóxica, nitratos de orixe agroganadeira ou metais naturais. As axudas de ata 10.000 euros por comunidade non resolven a falta de vixilancia continua nin a protección das zonas de recarga".
A “paradoxa da auga” que López describiu (moita choiva, ríos curtos e de pouca retención, territorio disperso) é correcta, sinala "pero a resposta non pode limitarse a reforzar captacións locais cando os mananciais se esgotan en veráns cada vez máis longos e secos, e cando os ríos sofren episodios de contaminación reiterados".
Casos recentes que desmontan o relato
Río Bustelo, Paradela, Lengüelle e Tambre (setembro 2026)
A rotura dunha balsa de puríns nunha explotación de Tordoia liberou arredor de 1,3 millóns de litros. A contaminación avanzou polos afluentes ata chegar ao Tambre, o río que abastece Santiago de Compostela. O fronte contaminante situouse a uns 13 quilómetros da captación. Imaxes e análises oficiais mostraron a progresión da pluma de amonio e a necesidade de barreiras de contención de emerxencia.
Río Avia en Leiro (Ourense)
"A empresa Compost Galicia S.A. foi sancionada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil tras denuncias reiteradas por vertidos continuados de augas residuais e filtracións de lodos a terreos non impermeabilizados. A contaminación afectou ao regato San Gregorio (afluente do Avia) e ás augas subterráneas da contorna. Non é un episodio illado: a planta acumula un longo historial de denuncias por cheiros, mosquitos e degradación ambiental".
Río Gallo (Cuntis, Pontevedra, outubro 2026)
Vertidos da estación depuradora de Meira provocaron mortandade masiva de fauna fluvial (trutas, escalos, nutrias, aves) e un cheiro insoportable que os veciños comparan cunha fosa séptica aberta. O problema, segundo afectados e o BNG local, arrastra meses e chegou ata a desembocadura no Umia. "Imaxes recentes dos tramos afectados mostran auga turbia, vexetación morta e ausencia de vida acuática".
Río Tea
"Aínda que a nova EDAR de Ponteareas reduciu vertidos incontrolados nalgúns tramos, persisten denuncias sen resposta efectiva sobre vertidos fecales e deficiencias de saneamento no Concello de Mondariz que afectan directamente ao río". Colectivos e grupos municipais levan anos reclamando a conexión plena das redes de saneamento á EDAR compartida e a corrección de puntos de vertido, sen que se pechase de forma definitiva o problema. Estudos da Universidade de Vigo detectaron ademais microplásticos na auga e sedimentos. O tramo continua baixo presión e require actuacións de custodia fluvial e control real dos focos de contaminación.

Río Pontiñas (Lalín, agosto 2026)
Denúnciase o mal estado das augas do río Pontiñas cun alto grao de eutrofización e cheiros moi fortes, indicativo de verteduras de residuos con altas concentracións de nitratos e fosfatos. A denuncia formal presentouse ante o SEPRONA, o Concello de Lalín, Augas de Galicia e as direccións xerais competentes, solicitando que se investigue a orixe da contaminación e se tomen as medidas pertinentes. "A comarca de Deza, cunha das maiores concentracións de gandería intensiva de Galicia, acumula episodios similares de eutrofización en ríos e masas de auga".
Encoro de Portodemouros e ríos Ulla e Furelos (setembro-outubro 2026)
Veciños de localidades próximas ao encoro de Portodemouros alertaron dunha alarmante
coloración verdosa na cola do encoro, asociada a eutrofización e proliferación de cianobacterias. O día 10 de setembro de 2026, tras persoarse en diversas partes das ribeiras dos ríos Ulla e Furelos, comprobouse un caudal de auga moi baixo en ambos os ríos. "Non se apreciaron verteduras incontroladas a simple vista nese momento, mais a situación de caudal mínimo e a cor verdosa do encoro evidencian un deterioro estrutural que se repite nos últimos anos e que limita a capacidade de dilución de calquera carga contaminante adicional".
Bacias da Ulloa: balsas de contención e metais pesados
"Recíbense informacións de veciños sobre balsas de contención rotas ou deficientes que provocan vertidos de metais pesados cara á conca da Ulloa. Estes episodios, cando se producen, engaden unha presión adicional sobre un territorio xa afectado por eutrofización, baixo caudal e acumulo de nutrientes de orixe agroganadeira. Requírese investigación e control efectivo destes focos para evitar a contaminación crónica das augas superficiais e subterráneas".
PUBLICIDADE
"Estes non son casos excepcionais. Forman parte dun padrón: depuradoras deficientes, balsas de puríns sen control suficiente, contaminación difusa agroganadeira, eutrofización recorrente e falta de execución real en saneamento (a propia Xunta recoñeceu que de máis de 800 millóns previstos só se executaran 147 millóns ata finais de 2023)", recalca o ente.
O que esixe unha política hídrica real
EGAV sinala que comunidades de usuarios teñen valor histórico e de proximidade. "Apoiar a súa legalización e modernización técnica é necesario. Pero non poden ser a coartada para non afrontar:
• Inventario completo e transparente de captacións e caudais.
• Controis sanitarios e de calidade obrigados e financiados de forma estable.
• Protección efectiva das zonas de recarga fronte a incendios, nitratos e usos privativos.
• Prioridade absoluta do caudal ecolóxico e dos ecosistemas acuáticos.
• Integración real destas comunidades na planificación de conca, non como solución illada".
"Mentres se viaxa a Bruxelas a vender “pensa global, actúa local” e os ríos Bustelo, Avia, Gallo, Tambre, Tea, Pontiñas, Ulla e a conca da Ulloa continúan recibindo vertidos ou sufriendo eutrofización e baixo caudal, o modelo que se exporta segue sendo máis relato que solución. A auga non se protexe con discursos de proximidade. Protéxese con factos, controis e prioridade ecolóxica", recalca o colectivo.









Comentarios