Ecos da Alma: Vivir sen prazos
- Laura Moure

- hace 3 minutos
- 2 Min. de lectura
Debemos rachar cos propósitos impostos
Laura Moure/Xeral
Cada comezo de ano chega cargado de listas. Propósitos que se repiten coma un eco aprendido: comer mellor, facer máis deporte, aforrar, cambiar hábitos. Pequenas metas que parecen necesarias para empezar de novo, como se o 1 de xaneiro tivera a capacidade máxica de borrarnos o pasado.

Pero hai outros propósitos, máis silenciosos e máis pesados, que non escollemos nós. Son os propósitos de vida que a sociedade nos vai marcando case sen decatarnos. A tal idade hai que ter parella. A tal outra, casar. Logo unha carreira “con futuro”, un traballo estable, unha casa, fillos. Todo encaixado nunha liña recta, como se vivir fose cumprir un horario.
E que pasa cando non chegamos a tempo? Que pasa se non queremos? Se a persoa que somos non encaixa nese molde? A sociedade acostúmanos a medir o éxito en función do cumprimento deses obxectivos, e non do benestar, da paz interior ou da coherencia co que sentimos. Parece que sempre imos tarde a algo, que sempre falta unha peza para completar o puzzle que outros deseñaron por nós.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Rachar con esa idea tamén é un propósito. Quizais o máis importante. Entender que cada persoa é un mundo, cun ritmo propio, cunhas necesidades distintas e cun camiño que non ten por que parecerse ao do resto. Que non hai unha única maneira correcta de vivir nin un calendario universal da felicidade.
Publicidade
Este ano, máis alá de cambiar costumes, quizais o verdadeiro propósito sexa deixarnos vivir sen presións alleas. Escoitarnos máis e compararnos menos. Aceptar que a vida non é unha carreira nin unha lista de tarefas pendentes, senón un proceso cheo de curvas, pausas e cambios de dirección.
Publicidade
Porque ao final, o único propósito que debería importar é vivir dunha forma que nos faga sentir en paz con quen somos, e non con quen se supón que deberiamos ser.








Comentarios