"Déixate abrazar polo bosque" da Deputación da Coruña chegará a Touro
A cita será en novembro na área recreativa de Brandelos
Laura Moure/Touro
A área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña pon en marcha "Déixate abrazar polo bosque", un programa gratuíto que convida a gozar da natureza a través de paseos guiados por catro espazos da provincia. A iniciativa, aberta a todas as persoas interesadas, propón unha experiencia de benestar baseada na calma, na observación e na conexión coa contorna natural.
PUBLICIDADE
As sesións combinarán camiñadas pausadas con paradas, momentos de silencio, respiración consciente e dinámicas sensoriais. A proposta busca ofrecer un tempo para baixar o ritmo, escoitar os sons do bosque e descubrir a contorna a través dos sentidos.
As actividades estarán desenvolveranse de 10:30 a 13:00 horas. Cada saída contará con 15 prazas, cunha oferta total de 60 prazas no conxunto do programa.
A primeira cita terá lugar o domingo 25 de outubro no parque natural das Fragas do Eume, nunha contorna de bosque atlántico de ribeira. O prazo de inscrición xa está pechado.
PUBLICIDADE
O programa continuará o 8 de novembro na fraga de Cecebre e no encoro de Abegondo, nun espazo marcado pola presenza da auga e os camiños sombreados. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 23 de outubro e o 2 de novembro.

A terceira sesión desenvolverase o 22 de novembro na área recreativa de Brandelos, no concello de Touro, entre carballos e á beira do río. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 6 ao 16 de novembro.
A última saída será o 13 de decembro no monte de Lobadiz, en Ferrolterra, onde a experiencia se desenvolverá nunha contorna de bosque costeiro con vistas ao mar. As inscricións poderán realizarse entre o 23 de novembro e o 3 de decembro.
A participación é gratuíta e require inscrición previa a través do formulario dispoñible no apartado de Medio Ambiente da páxina web da Deputación da Coruña.









Comentarios