Do Campo destaca os case 138.000 euros investidos na mellora de infraestruturas rurais de Boimorto
- Laura Moure
- 11 feb
- 3 Min. de lectura
A delegada da Xunta avaliou coa alcaldesa as aportacións da Xunta que serven para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas
Laura Moure/Boimorto
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou onte o concello de Boimorto, acompañada pola súa alcaldesa, María Jesús Novo, polo concelleiro Marcos Fernández, e pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, e salientou alí o investimento de case 138.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas.

O Plan Marco, está dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, están aprobadas actuacións en Boimorto de máis de 68.600 euros para a mellora da camiño de Vilanova e Segade, do camiño de Castro ó Cando e da pista no Pazo. Un investimento que se une ao realizado, na convocatoria 23-24, de máis de máis de 69.200 euros que permitiu a mellora do camiño de Vilanova-Tixosa. A delegada da Xunta informou que na comarca de Santiago recibiron, no 24-25, estas axudas 22 concellos por un importe total de máis de 1,4 millóns de euros e na provincia da Coruña recibiron estes apoios 83 concellos por un importe de 5,2 millóns de euros.
Esta orde promove a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.
Publicidade
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013. En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.
Nova convocatoria
Durante a visita a delegada lembrou que xa está aberta a nova convocatoria do Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Este programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas. O prazo está aberto ata o 28 de febreiro.
Todos os concellos de Galicia poden ser beneficiarios destas axudas, pártese dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio.
En definitiva, serán subvencionables as actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación de obras de paso de cursos fluviais; e o mantemento do firme e as súas marxes.
Comments