Dezaseis propostas culturais enchen o programa Outono a escena de Arzúa
Este 2 de outubro levarase a cabo a primeira función para público adulto co espectáculo de teatro cómico Go on!, da compañía Malasombra Producións
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha por undécimo ano consecutivo o programa cultural Outono a escena que dinamizará as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.

O certame ofertará 16 propostas culturais repartidas nos dous meses. A programación terá como escenario principal o da Capela da Madanela que acollerá neste tempo diversos espectáculos para todos os públicos repartidos nos chamados Venres na Capela para público adulto e os Sábados en familia para público infantil e familiar. Este venres, día 2 de outubro, ás 18:00 horas levarase a cabo a primeira función para público adulto co espectáculo de teatro cómico Go on!, unha representación a cargo da compañía Malasombra Producións.
En outubro tamén se agardan, como novidade, varias proxeccións encadradas no Ciclo de Cinema Galego Mestre Mateo que no citado mes contempla varios pases escolares e o visionado da película Sirat o venres 26 ás 20:00 horas na Casa de Correos.
PUBLICIDADE
As propostas dos Sábados en familia traerán tamén varias funcións para público infantil e familiar. O 10 de outubro contarase cun espectáculo de contacontos e música titulado Dedín, Dedín, Dedal, e o sábado 24 a representación de Gabinete Mirabilia a cargo de Pablísimo. O venres día 30 chegará a Arzúa o Programa Camiño Escena Norte que traerá a compañía asturiana El Callejón del Gato para poñer en escena El gato con botas de agua, tamén dirixida a público infantil e familiar. Todas estas funcións terán lugar na Capela da Madanela ás 18:00 horas.
A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro con monólogo, teatro cómico, máis cinema e actividades dirixidas ao público escolar para conmemorar o Día do Infancia.
PUBLICIDADE
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza a “participar desta completa programación pensada para todos os públicos como lugar de encontro e entretemento nas tardes de outono”. Ademais, destaca “a importancia da colaboración cos centros educativos programando numerosas actividades en horario lectivo asegurando así a participación de centos de nenos e nenas na programación cultural do noso concello”.









Comentarios