Desmantelado un grupo criminal dedicado á estafa do “fillo en apuros”
- Laura Moure

- 15 oct 2023
- 2 Min. de lectura
Foron detidas tres persoas e outra máis é investigada
Laura Moure/Xeral
A Garda Civil, no marco da operación “Helpboy”, detivo a tres persoas e investigou a unha máis polos supostos delitos de estafas en varias provincias. Os investigadores tiveron coñecemento de varias estafas telefónicas coñecidas co nome do “fillo en apuros” que ocasionaran perdas económicas ás súas vítimas, tal e como informa a Oficina de Prensa da Comandancia da Coruña.

As estafas seguían o mesmo modus operandi, as vítimas recibían unha mensaxe, por vía sms ou por algunha rede social, facéndose pasar polos seus fillos ou fillas. Nesta mensaxe, os detidos facíanlles crer que os seus fillos perderan o seu móbil e por iso comunicábanse con outro número, necesitando de forma urxente liquidez. A continuación, os estafadores propoñían ás súas vítimas que realizasen unha transferencia bancaria a unha conta concreta, argumentando a imposibilidade de facelas eles mesmos por problemas no sistema.
Publicidade
Cando as vítimas realizaban as trasferencias, os detidos extraían rapidamente o diñeiro a través caixeiros situados en entidades bancarias, supermercados ou salóns de xogos da provincia de Sevilla co obxectivo de que no caso de que algunha vítima reclamase o diñeiro, non houbese liquidez na conta.
Os investigadores analizaron varias contas bancarias relacionadas con estas estafas e localizaron movementos de ata 15.000 euros, descubrindo que os titulares das contas levaban un 5% do diñeiro estafado por ceder a súa conta aos membros do grupo criminal. A actividade dos estafadores estendíase por varias provincias, entre as cales se comprobou que hai vítimas nas localidades de Lagoa de Douro (Valladolid), Valladolid, Eivissa, Brion (Coruña) e Betanzos (Coruña). A cantidade do diñeiro estafado ascende aos 26.299 euros.
Publicidade
A investigación foi levada a cabo por axentes da Garda Civil da área de Investigación do Posto Principal de Los Palacios, na provincia de Sevilla. Para a ampliación ou confirmación de calquera outro dato, pode contactar coa oficina de prensa da Garda Civil de Sevilla, no teléfono 954 23 53 22 ou no 650 384 094.
NOTICIA RELACIONADA:
En Ecos da Comarca sacamos unha noticia sobre esta estafa o pasado xuño: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-estafa-na-que-se-fan-pasar-polo-teu-fillo-ou-filla








Comentarios