Cuarta Xusta recibe o Premio Terra de Melide á Defensa do Idioma 2026
O grupo de rock foi recoñecido pola súa traxectoria musical en galego e polo carácter reivindicativo de moitas das súas cancións
Laura Moure/Melide
O Centro Sociocultural Mingos de Pita acolleu o venres o acto de entrega do Premio Terra de Melide á Defensa do Idioma 2026, que nesta edición recaeu no grupo musical Cuarta Xusta polo seu compromiso coa lingua galega ao longo da súa traxectoria.

O galardón está promovido polo Servizo de Normalización Lingüística Terra de Melide, integrado polos concellos e centros de ensino de Melide, Santiso e Toques, co obxectivo de recoñecer o labor de persoas ou colectivos a prol da defensa e promoción do galego.
O xurado destacou a traxectoria musical de Cuarta Xusta, desenvolvida integramente en galego, así como o carácter reivindicativo de numerosas cancións da formación, nas que a música se converte tamén nunha ferramenta para defender e visibilizar a lingua propia.
PUBLICIDADE
Unha década de música en galego
Cuarta Xusta iniciou a súa andaina en Melide en 2016 e, desde entón, foi construíndo unha traxectoria que a levou a situarse entre as formacións de rock fusión do panorama musical galego. O uso do galego nas súas composicións e a mensaxe reivindicativa de boa parte do seu repertorio foron aspectos destacados na concesión deste recoñecemento.
Durante o acto de entrega, os integrantes do grupo ofreceron unha actuación na que interpretaron algúns dos seus temas. Como parte da homenaxe, recibiron unha figura de cerámica de Sargadelos.
PUBLICIDADE
A xornada serviu así para recoñecer o papel da música na promoción e defensa do idioma, a través dunha formación que mantén o galego como lingua de expresión artística desde os seus comezos.









Comentarios