Cruces alcanza a excelencia ao ter gastado o 100% dos fondos do Pacto de Estado recibidos
Abel Losada destaca a “forte aposta” do Goberno contra a violencia machista ao transferir neste ano medio millón de euros aos concellos da provincia
Laura Moure/Vila de Cruces
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou onte que o Goberno de España destina 537.167,04 euros aos 61 concellos da provincia para continuar desenvolvendo actuacións municipais no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

“O compromiso dos concellos, que son os que están no territorio, atendendo directamente ás mulleres, xunto coas forzas de seguridade, é fundamental, porque son os concellos os que, con estes cartos transferidos polo Goberno de España os que despregan boa parte das políticas activas contra o machismo”, salientou Losada.
Os fondos do Pacto de Estado, en particular, permiten reforzar as medidas e os recursos de prevención, detección, atención e protección integral fronte ás violencias contra as mulleres, incluída a violencia sexual. Cada concello debe vincular as actuacións desenvolvidas aos eixes e medidas do Pacto de Estado e xustificar posteriormente a súa execución. Os programas actuais deberán desenvolverse entre o 1 de xullo de 2026 e o 30 de xuño de 2027.
PUBLICIDADE
Losada puxo tamén en valor o “inmellorable grao de execución” alcanzado por un total de 16 concellos da provincia que, ao ter xustificado adecuadamente o 100% das asignacións recibidas en 2024 non teñen detraccións neste 2026. Son os casos de Vigo, Pontevedra, Barro, Cambados, Catoira, Forcarei, Gondomar, A Lama, Marín, Mondariz, Oia, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño e Vila de Cruces.
Ademais, explicou o subdelegado, moitos outros concellos da provincia lograron un alto índice de execución e, por tanto, apenas rexistran detraccións para este 2026. Losada engadiu que, máis alá dalgunha incidencia puntual vinculada a unha actuación concreta da programación anual, estes municipios amosan coa súa xestión o compromiso no combate contra a violencia machista.
Abel Losada dixo comprender as dificultades administrativas que pode supoñer a xustificación das actividades, dado que o Ministerio de Igualdade, esixe cada vez con maior rigor que os fondos vaian exclusivamente á loita contra a violencia sobre as mulleres, pero lembrou que a Subdelegación do Goberno, a través da Unidade de Prevención da Violencia, organiza tódolos anos xornadas informativas. Por elo animou a tódolos concellos a aproveitar estas formacións para ser cada vez máis eficientes: “non podemos deixar sen executar nin un só euro nun campo tan sensible”, afirmou.
PUBLICIDADE
Máis de 4,6 millóns de euros desde 2018
A dotación concedida aos concellos pontevedreses medrou un 38,2 % desde 2018, ao pasar dos 388.767,01 euros daquel ano aos 537.167,04 euros de 2026. En total, entre 2018 e 2026, o Goberno de España concedeu máis de 4,6 millóns de euros aos municipios da provincia con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
“O reforzo sostido destes recursos confirma a aposta do Goberno pola Administración local, que é a máis próxima á cidadanía e desempeña un papel esencial na prevención, na detección e na atención ás mulleres”, afirmou o subdelegado.









Comentarios