Conclúe con éxito o rescate con helicóptero das 10 vacas que caeron por un barranco en Taboada
- ecosdacomarca

- hace 50 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, seguiu hoxe en Taboada o operativo de rescate das xovencas que o pasado mércores se precipitaron por un barranco nunha zona de difícil acceso nas beiras do río Miño, na parroquia de San Xián de Ínsua; unha actuación que concluíu con éxito a primeira hora desta tarde, sobre as 16 horas.
Arias explicou que a Administración autonómica se puxo desde o primeiro momento a
disposición do Concello de Taboada e dos propietarios das xovencas para colaborar nas
tarefas de rescate, dada a complexidade do terreo.

O delegado estivo xa o xoves no terreo cun gruista para avaliar a posibilidade de retirar os
animais cunha grúa e, paralelamente, iniciáronse as xestións para solicitar o desprazamento dun helicóptero do servizo de emerxencias de Asturias, preparado para
soportar o peso das reses.
A aeronave chegou á zona este venres -no marco do convenio de colaboración que hai
asinado entre a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias en materia de emerxencias- e
a súa participación resultou decisiva, ao permitir rescatar os dez animais que permanecían
na ladeira -un deles, sen vida-.
PUBLICIDADE
Ademais de coordinar a participación do helicóptero, o Goberno galego colaborou tamén
no operativo con efectivos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) -que despregaron
tamén un dron para guiar os traballos-, a Policía Autonómica e persoal do Servizo de
prevención e defensa contra incendios forestais e dos servizos veterinarios da Consellería
do Medio Rural. Xunto a eles participaron tamén efectivos do Concello de Taboada,
Protección Civil, Garda Civil e numerosos veciños da zona.
PUBLICIDADE
O delegado destacou a “excelente coordinación” entre todos os servizos implicados e a
colaboración da veciñanza, que permitiron resolver con éxito unha intervención
especialmente complexa. (Nas nosas redes sociais temos vídeo, porque ECOS DA COMARCA acercámonos hoxe ata alí e falamos cun dos propietarios, Santi Gómez, e con Luis Fidalgo, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Taboada).
Cabe mencionar que 19 vacas desta explotación escaparon o mércores pola tarde dunha finca, apuntando todo, a que se asustaron pola presenza de algún animal. Sete delas conseguiron collelas ese mesmo día, pero 12 caeron polo desnivel. O xoves lograron rescatar a 2 e outra faleceu. E foi hoxe, grazas ao helicóptero cando o resto puido volver á súa granxa.








Comentarios