‘Conciliamos Viaxando coa Cativada’ do Pino pecha con éxito a súa segunda edición
- Laura Moure
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
O programa gratuíto permitiu que a cativada deste municipio desfrutase de cinco xornadas educativas e recreativas en distintos destinos de Galicia
Laura Moure/O Pino
A segunda edición de Conciliamos Viaxando coa Cativada, organizada polo Concello do Pino a través da Concellería de Muller e Benestar Social, pechouse este xoves 4 de setembro cun rotundo éxito entre a cativada e as súas familias. Este programa de ocio educativo e conciliación familiar, que regresaba tras o éxito da primeira convocatoria, ofreceu durante cinco xornadas gratuítas aos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos experiencias lúdicas, educativas e ao aire libre nos meses de agosto e setembro.

Ao longo das cinco excursións, que se celebraron os martes e xoves, a rapazada do Concello do Pino tivo a oportunidade de:
• Descubrir a maxia e a natureza na Aldea Grobit en O Grove.
• Mergullarse no mundo dos monicreques e xoguetes no Museo Galego da Marioneta e
dos Xoguetes no Pazo de Liñares, en Lalín.
• Ampliar coñecementos científicos e culturais no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) e gozar da contorna natural da Torre de Hércules, na Coruña.
• Aprender sobre a relación histórica de Galicia co mar e os ecosistemas mariños no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
• Coñecer a vida salvaxe no Parque Marcelle (Lugo), pechando a actividade cunha xornada educativa e divertida que quedará na memoria de todos os participantes.
Publicidade
Cada saída contou cun máximo de 50 prazas, priorizando as familias empadroadas no
Concello e as participantes noutros programas de conciliación municipais, co obxectivo de
que o maior número posible de menores puidese gozar desta experiencia. Todas as excursións foron de balde, sen ningún custo para as familias, reforzando así o compromiso
do Concello do Pino por ofrecer alternativas de conciliación real e ocio educativo durante o
verán.
Publicidade
A iniciativa, financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de
Igualdade dentro do Plan Corresponsables, é unha aposta firme do Concello do Pino pola
conciliación das familias e por ofrecer experiencias enriquecedoras aos máis pequenos,
promovendo á vez valores de convivencia, aprendizaxe e respecto pola natureza.
Comentarios