Concerto de Abril o día 21 en Arzúa dentro do ciclo de música En Aberto
- Laura Moure

- 19 ago 2025
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa levando a cabo os concertos programados dentro da nova edición do Ciclo de música na rúa En Aberto. Mañá xoves chega a terceira proposta deste ano coa actuación do dúo Abril na Praza de Galiza ás 21:00 horas coa entrada gratuíta e o acceso libre. Despois dos recitais da Rondalla Moraima e de Andhrea & The Black Cats, o certame continúa a súa actividade este xoves, 21 de agosto, da man do dúo Abril.

Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura.
Publicidade
Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. Abril é tradición renovada; sons de raíz en harmonía co presente. Un microcosmos folclórico no que as identidades converxen e crean comunidade.
Publicidade
O xoves 28 de agosto a formación de música latina SonBoleros pechará o ciclo por este ano.








Comentarios