Comezan as obras de humanización da rúa Fraga de Rei en Arzúa
- Laura Moure
- 15 oct 2021
- 2 Min. de lectura
As actuacións contan cun investimento de máis de 250.000 euros, que permitirán renovar íntegramente un tramo do céntrico vial
Laura Moure/Silleda
Este xoves comezaron en Arzúa as actuacións que, nun prazo estimado de tres meses, permitirán renovar completamente a imaxe dunha das rúas máis céntricas do casco urbano do municipio, a rúa Fraga de Rei. A empresa Construcciones Leonardo Miguélez, S.L. será a encargada de realizar os traballos de humanización dun tramo deste vial que vertebra a vila de Arzúa e que permitirá incrementar a súa seguridade e mellorar notablemente os seus servizos.
O goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE atende así unha demanda, que vén de moitos anos atrás, de todos os veciños e veciñas de Arzúa. A actuación conta cun orzamento de 250.306,65 euros, que serán sufragado con fondos municipais procedentes do remanente de tesourería grazas á boa xestión económica do actual goberno local, tal e como sinala o Concello.
Corte ao tráfico
O tramo sobre o que se vai actuar ten unha lonxitude aproximada de 200 metros e as actuacións farán necesario o corte ao tráfico desta rúa para facilitar os traballos de acondicionamento e mellora do vial.

Comezarase por levantar o actual pavimento e os servizos cos que se conta na actualidade para, posteriormente, renovalos na súa totalidade e facer desta rúa un entorno máis accesible, no que poidan circular con maior seguridade os vehículos e no que os veciños e peóns transiten con maior facilidade e comodidade. Este tramo será sometido a unha remodelación total no que convivirá unha parte aglomerada con outra de formigón desactivado; tamén se renovará o mobiliario urbano e as luminarias.
O alcalde de Arzúa, José Luis García, manifestaba este xoves, ante o comezo das actuacións, a súa satisfacción por poder “facer realidade, pouco a pouco, unha demanda dos nosos veciños que dende hai moito tempo viñan reclamando o acondicionamento dunha das rúas principais do municipio, na que se facía moi necesario incrementar a súa seguridade e facela máis accesible e segura para os cidadáns”.
Pola súa parte, a titular da área de Obras e Servizos Municipais, a socialista Begoña Balado, adiantou que “unha das nosas prioridades agora e na que xa estamos traballando e en conseguir financiamento que nos permita adecentar por completo a rúa nunha fase posterior, para que os veciños poidan desfrutala na súa totalidade”.
"O comezo das actuacións este xoves non só van permitir que Arzúa gañe en seguridade e accesibilidade senón que tamén serven para desmentir a algún dos grupos políticos da oposición municipal que na pasada campaña electoral trataron de desacreditar ao goberno municipal negando a existencia dalgún proxeto de mellora previsto para a rúa Fraga do Rei; a realidade demostra agora o contrario", recalcan dende o Concello.
Comments