top of page

Casares e Saint-Gobain tratan medidas para mellorar a competitividade da industria europea e galega

hace 22 minutos
2 min de lectura

A compañía, con fábricas en Lalín e Melide, trasladoulle ao eurodeputado as súas propostas para avanzar na descarbonización industrial


Laura Moure/Lalín/Melide

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares reuniuse en Estrasburgo con representantes da compañía Saint-Gobain, que conta cunha fábrica en Lalín, para abordar os retos da industria e avanzar nunha transición enerxética que garanta a súa competitividade e o emprego. Cabe mencionar que nas comarcas tamén en Melide está situada a fábrica de Saint-Gobain Weber.

 

González Casares mantivo un encontro co CEO de Saint-Gobain PAM, Jérome Lionet, en Estrasburgo durante a última sesión plenaria de outubro do Parlamento Europeo, no que abordaron os principais retos do sector e as súas propostas para avanzar na descarbonización industrial e mellorar a súa competitividade. Así, Casares entende que a competitividade “vai da man coa necesaria xeración de emprego industrial para Europa, pero especialmente para Galicia”.

 

O socialista destacou a especial relevancia que ten esta empresa para Galicia e, particularmente, para Lalín, o seu municipio natal, onde Saint-Gobain conta cunha fábrica. “Para min, a industria de Lalín ten un significado especial. Sempre levarei as reivindicacións do meu municipio a Europa, porque defender a nosa industria é tamén defender o futuro de Galicia, o emprego e as oportunidades para a nosa xente”, sinalou.

 

O eurodeputado subliñou que a industria é un piar fundamental para a economía galega, tanto pola súa contribución á actividade produtiva como pola súa capacidade para xerar emprego de calidade, fixar poboación e dinamizar o territorio.

  PUBLICIDADE

Durante a xuntanza, González Casares tivo en conta as propostas trasladadas pola compañía en materia de descarbonización, un proceso que debe ir acompañado de instrumentos e medidas que permitan ás empresas afrontar a transformación enerxética mantendo a súa capacidade produtiva. “Compartimos plenamente o obxectivo de avanzar cara a unha industria máis sostible. Pero esa transición debe servir tamén para fortalecer as nosas empresas, para que sigan sendo competitivas, xeren emprego e contribúan a dinamizar a economía. Sempre defendín en Europa a necesidade de contar cunha industria potente”, afirmou.

 

Casares destacou que “non é a primeira reunión, nin será a última” con Saint-Gobain, enmarcándose este encontro nun intercambio constante de ideas que o eurodeputado mantén cos sectores que xeran emprego en Galicia. González Casares destacou a importancia de manter un diálogo permanente coas empresas e os sectores produtivos para que as decisións que se adopten en Bruxelas respondan aos desafíos reais da industria e contribúan a garantir o seu futuro.

  PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Neste senso, tras escoitar as demandas do sector, o eurodeputado socialista incorporou emendas no marco dos traballos lexislativos da Lei de Aceleración Industrial (IAA) e do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (ETS) no Parlamento Europeo. Estas iniciativas buscan avanzar nun marco que favoreza a competitividade industrial, facilite a descarbonización e permita ás empresas europeas afrontar a transición sen perder capacidade produtiva fronte a outros mercados, “sempre co obxectivo claro da conservación e a creación dos postos de traballo”, remarcou.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page