top of page

Camiñas: "O Concello traba na man da única administración que inviste en Rodeiro, a Deputación"

Recalca que o PSdeG-PSOE apoiou unha moción do PP para que se paguen as obras da praza de Oseira, “porque ante todo defendemos a Rodeiro"


Ecos da comarca/Rodeiro

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Rodeiro, José Luis Camiñas, vese na obriga de recordarlle "a este PP hipócrita e desnortado, que a Deputación investiu en Rodeiro 7,8 millóns de euros dende que Carmela Silva é presidenta e que financiou 33 obras co Plan Concellos, un plan regrado como nunca houbo nesta provincia e que trata por igual a tódolos concellos e que este ano achega nada menos que 546.403 euros para mellorar a vida da veciñanza".

Camiñas subliña que o Concello "é incapaz de aproveitar o Plan Concellos e que mesmo despilfarra boa parte en cousas como “o mausoleo” do edificio polivalente no que o PP xa “leva enterrados” 700.000 euros “e o que falta”. “Por que non paga esa obra a Xunta de Galicia? Está moi claro que se fósemos A Estrada ou Lalín xa tiñamos un convenio, pero nós non existimos para a Xunta do PP e dedicámonos a trabar na man da Deputación, á única Administración que inviste en Rodeiro”. A este respecto lembrou que a Deputación tamén pagou as obras de mellora do pavillón e o novo ximnasio (345.303 euros do Plan de Reequilibrio) e está a pagarnos agora mesmo as obras da rúa Gumersindo Areán, con outros 404.704 euros do Plan ReacPon e mesmo achega a parte municipal co Plan Concellos. “Como se ve, hai moito motivo para a queixa”, ironiza.


Camiñas recorda que o grupo socialista xa votou a favor no Pleno dunha moción do PP para reclamar da Deputación o pago da subvención do Plan Concellos 2018 para as obras da praza de Oseira, “que agora son obxecto de polémica por unha inserción publicitaria que non pasa dunha anécdota, cando hai case 40 obras das que a Deputación pode presumir, de feito as únicas que se teñen feito en Rodeiro porque a Xunta non ten nada”.


Unha subvención de 323.647 euros para a praza de Oseira que, recorda o candidato socialista, foi concedida formalmente pola Deputación, e que se non foi librada foi pola “chapuceira tramitación” que fixo que a obra rematara “escandalosamente fóra de prazo, moito despois do 31 de decembro de 2020 que era a data límite”. “Tiveron tres anos para facela e non foron capaces por pura incompetencia”, engade.

“Nós defendemos a Rodeiro diante de todo, diante das siglas e diante da Deputación, goberne quen goberne, pero, ante todo, diante deste Concello que o PP está levando ao desastre”. Engade que responde ás acusacións dos conservadores “porque sempre dá a cara. O PP métese comigo porque ten moito medo de perder a Alcaldía. Pero eu non sei moi ben a quen dirixirme, porque non hai ninguén no PP, nin no Concello; o PP é un partido pantasma porque o Lugués escapou, o actual alcalde está escapando e, coa lousa que deixan, non dan atopado candidato ou candidata”. “Están tan desesperados que teñen que arremeter contra min, cando nós tivemos a carraxe e a coherencia de apoiar a súa moción, a pesar de que sabemos que as súas chapuzas son a causa de que aínda non se pagara esa subvención, que nós, a pesar de todo, queremos que se pague”.


De feito, Camiñas destaca que púxose en contacto coa Deputación, onde lle recalcaron que a achega para a praza de Oseira foi concedida "e que e se non se librou foi polos informes técnicos totalmente contrarios, especialmente o de Intervención, e que a Deputación non levanta reparos porque tramita con seriedade e transparencia”. Ademais, indica, subliñáronlle que estarán “encantadas/os” de pagar as obras da praza de Oseira se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dálle a razón ao Concello.

Os datos recabados polo candidato socialista indican que a convocatoria do Plan Concellos 2018 realizouse a finais de 2017 e Rodeiro tardou ata outubro de 2018 en lograr a subvención para esta actuación concreta. A continuación agardou ata o 20 de novembro de 2019 para iniciar o expediente de contratación. En decembro, despois de detectar un erro técnico no proxecto, o Concello desistiu do procedemento, polo que reiniciou a licitación en xaneiro de 2020 e rematou a apertura dos sobres coas ofertas o 9 de marzo de 2020. Finalmente, amparouse na pandemia e no decreto do Estado de Alarma do 14 de marzo para xustificar un novo retraso, cando podería ter continuado e declarar unicamente suspendido o prazo para a presentación da documentación requirida ao licitador proposto. Unha vez reanudados os prazos administrativos o 1 de xuño de 2020, o Concello aínda deixou pasar todo o verán e non convocou a mesa de contratación ata o 21 de setembro. E, finalmente, o contrato non foi adxudicado ata o 14 de outubro de 2020, case xa enriba do prazo máximo para a xustificación da obra, que remataba o 31 de decembro de 2020.


“Na Deputación explicáronme que diante dunha lentitude tan exasperante, os informes eran demoledores. E que os informes xurídicos trala sentencia de primeira instancia do Xulgado do Contencioso número 1 tamén son contundentes e aconsellaron o recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que os criterios estean claros diante de posibles novos incumprimentos. Sen embargo, se a sentencia do tribunal galego é favorable ao Concello de Rodeiro, a obra pagarase de inmediato”, conclúe.

A noticia na que o Concello critica á Deputación no enlace:


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page