Calendario do Entroido dos Xenerais da Ulla 2025
- Laura Moure
- 9 feb
- 2 Min. de lectura
A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Vedra, Vila de Cruces e Teo conservan esta tradición
Laura Moure/Xeral

Onte, sábado, tivo lugar a presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla 2025, Festa Declarada de Interese Turístico Galego. A Casa Escola de Couso (A Estrada) foi o escenario escollido este ano. Participaron representantes dos 8 concellos que conservan esta tradición: A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Vedra, Vila de Cruces e Teo.
Publicidade
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación. Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia salientou que cada vez máis está a medrar o interese de visitantes por este tipo de tradicións e en concreto, polos entroidos ancestrais. Neste sentido, subliñou o carácter tradicional destas datas que aúnan algúns dos atractivos do destino galego como son a cultura e a gastronomía, que xunto co carácter acolledor dos galegos dan lugar á fórmula que consegue atraer a visitantes.
Xosé Merelles salientou que estas festas son mostra “do sentir mais arraigado do noso pobo”, no que figuras tradicionais coma os Xenerais do Ulla ou os Correos a cabalo “dan conta dunha tradición e unha cultura que ten entre as xentes a súa exaltación máis viva e xenuína”.
O director de Turismo de Galicia destacou ademais que estas celebracións entroncan coa estratexia de desestacionalización da Xunta de Galicia que busca “garantir un fluxo continuo e moderado de visitantes en meses fóra de tempada para garantir a rendibilidade da actividade turística e afianzar o peso do sector no desenvolvemento económico da Comunidade”.
Neste sentido, adiantou que a Guía do Entroido 2025, que está a ultimar Turismo de Galicia e que sairá publicada proximamente na web institucional, recompila as festas e citas relacionadas con estas celebracións de carácter tradicional e festivo. “Queremos que os visitantes ou os interesados teñan localizadas -dunha forma moi esquemática e informativa- os entroidos máis tradicionais da Comunidade”, afirmou.
Celebrarase do 8 de febreiro ao 15 de marzo. O calendario completo pode consultarse en: https://xeneraisdaulla.gal/calendario/
Comments