Laura Moure/Agolada
Lupita é unha cadela máis que coñecida pola xente de Agolada. Ela xa fai tempo foi abandonada, pero nesta localidade de Deza atopou o cariño e a axuda de moita xente boa. Durante anos estivo vivindo aquí gracias a que algúns veciños lle facía a vida máis fácil, porque colaboraban para alimentala. Sen embargo, a pesar de que en Agolada se atopou con humanos bos, nunha perdeu o medo, e o seu carácter asustadizo non pasa desapercibido. Isto demostra o moito que debeu sufrir nunha vida pasada. Pero agora hai unhas semanas, a súa historia, deu un xiro importante. Unha veciña da localidade Lara Varela conseguiu atoparlle unha familia marabillosa preto da Coruña. Sen embargo, a súa historia feliz, non acaba aí, porque ao pouco Zuri, como a rebautizaron no seu novo fogar, escapou. Agora anda perdida por esta cidade, porque como dicimos, non se fía de ninguén e é difícil collela. Varela e a súa nova dona están a buscala sen descanso, porque andar solta por unha cidade, pode ser un grave perigo para ela.
A súa adopción chegou cando Varela compartiu a través das redes sociais a súa historia intentando buscar un fogar para os seus dous cachorros. "Somos conscientes de que a decisión correcta e sensata é comunicarnos cunha protectora, pero, persoalmente, gustaríanos non saturalas máis (que xa bastante sobrepoboación canina hai) e contemplamos a idea de acudir a esta plataforma (Facebook) para dar a coñecer a súa situación e así quizais con sorte conseguirlles a estes pequeniños (eran tres, agora só quedan dous) a oportunidade de atopar un fogar responsable onde os queiran e coiden como se merecen". E dito e feito, porque en apenas horas, estes pequenos xa lograron unha familia.
Pero a sorpresa foi maiúscula, cando alguén se interesou tamén pola mamá deles. Algo case impensable, xa que buscar un fogar para un can adulto non é tarefa fácil. "Gustaríame darlle as grazas publicamente, non só por ofrecerlle esta oportunidade de experimentar o que é o cariño e unha familia, senón por toda a dedicación que lle está poñendo para que ela se sinta ben, máis alá dos valores bonitos que ten e transmite", agradeceulle esta agoladesa a dona de Zuri a través das redes sociais.
Pero días despois, saltou a alarma de que Zuri ou Lupita desapareceu a madrugada do pasado luns, preto da estación de tren da Coruña, porque se asustou. Moitos colaboradores se mobilizaron ao longo da semana pasada cun gran obxectivo en común: atopala para evitar que pasase a noite de San Xoán nunha cidade tan concorrida, como é A Coruña. Foron varias as persoas que a viron por distintos sitios, pero por desgraza, ninguén puido retela.
Ademais de compartir a súa desaparición nas distintas redes sociais, teñen un grupo de Whatsapp para sair a buscala. Pero de momento, non houbo sorte. "No grupo de Whatsapp seguimos buscándoa día si e día tamén. Agora pola mañá aínda recibimos unha falsa alarma… E contemplamos usar un dron, pero dixéronnos que non se pode polo tema do aeroporto. E que a viron en tantos sitios e cando chegan as persoas que a estamos buscando é coma se a tragase a terra… E estamos movendo ceo e terra… Non queremos que a historia acabe mal", contábamos onte, domingo, Lara Varela.
Dende aquí pregamos difusión e se alguén a ve pode contactar directamente coas autoridades ou incluso, poden comentar esta noticia ou escribirnos a ecosdacomarca@gmail.com para nós facerlle chegar a información a Varela. Oxalá apareza pronto para que teña a vida que merece e desta maneira, Zuri entenda que tamén existen humanos bos!
Comments