Estes atópanse na estrada que enlaza coa CP-0604, que une Arzúa con Ponte Carreira
Laura Moure/IsmaelRS/Arzúa
Hai uns días ECOS DA COMARCA recollía as queixas de veciños e condutores que usan a cotío a estrada que enlaza os municipios de Touro e Vila de Cruces, en concreto o tramo que vai dende a Ponte de Remesquide a Brandomés. Seis días despois, o Concello de Vila de Cruces arranxaba algúns baches, aínda que a actuación, para os afectados, non é a correcta porque cren que só durará días e demandan unha mellor intervención. A raíz desta nova, outros afectados puxéronse en contacto con nós para queixarse tamén do estado, aínda peor, que presenta un tramo dunha estrada na parroquia arzuá de Oines. En concreto, o que conduce á CP-0604 que enlaza a localidade de Arzúa con Ponte Carreira (Frades).
O mal estado que presenta provoca incordios entre a xente do lugar que ten que ir esquivando os enormes buracos para tratar de evitar danos nos seus vehículos. Se nos baches da estrada que unía Touro con Cruces collía, a modo de exemplo, unha zapatilla, nalgúns destes collen un coche enteiro coma nós mesmos comprobamos.
Os afectados instan ás autoridades competentes a que arranxen este vial canto antes.
Comments