Bota a andar hoxe, 25 de xuño, a terceira edición de 'O Xardín dos Contos' en Arzúa
- Laura Moure

- 25 jun
- 2 min de lectura
Trátase dun programa de animación á lectura con tres sesións de contacontos ao aire libre no xardín da Casa de Correos
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza dentro da programación cultural do verán a terceira edición do programa de animación á lectura baixo o título de O Xardín dos Contos con tres sesións de contacontos nos meses de xuño, xullo e setembro dirixidos a público infantil e familiar. As actividades escollidas para esta edición son os espectáculos Este olliño pimpilín de Inventi Teatro, As Mil e Unha de Vero Rilo e Os rizos de Lía de Gallaecia Eventos.

O primeiro deles, Este olliño pimpilín, terá lugar este xoves, 25 de xuño, a partir das 19:30 horas no Xardín da Casa de Correos. Trátase dunha sesión de narración oral baseada en contos, cancións, xogos de palabras e ditos populares infantís de Galicia. Ademais do seu valor lúdico e artístico, a proposta ten como obxectivo ofrecer ferramentas para a transmisión da lingua galega dun xeito lúdico, favorecendo o seu uso no ámbito familiar e reforzando o vínculo emocional coa lingua desde as primeiras idades. Trátase dun espectáculo que recupera a riqueza da tradición oral galega, creando un espazo de encontro interxeneracional a través da palabra, a música e o xogo. Este espectáculo ten unha duración de 40 minutos e está especialmente recomendado para nenas e nenos de 2 a 6 anos.
PUBLICIDADE
As dúas sesións restantes levaranse a cabo os xoves 30 de xullo e 3 de setembro tamén no Xardín da Casa de Correos. A entrada será libre e de balde.
PUBLICIDADE
O concelleiro de cultura, José Luís García, convida ás familias a “participar nesta proposta que fomenta a lectura, un dos piares da programación cultural ao longo de todo o ano”. Ademais, anima a “arzuás, arzuáns e visitantes a gozar da cultura e do lecer nun espazo idóneo como é o xardín da Casa de Correos despois do éxito das dúas primeiras edicións”.








Comentarios