Boimorto recibiu da Xunta uns 65.000 euros para a mellora do camiño de Arceo a Vilasantar
- Laura Moure

- hace 22 horas
- 2 Min. de lectura
A nova convocatoria do Plan Camiña Rural para concellos está aberto ata o o 5 de marzo por case 19 M€
Laura Moure/Boimorto
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, comprobou a evolución das obras de mellora de camiños que se están realizando ao abeiro do Plan Camiña Rural neste concello, concretamente na vía que une Arceo e Vilasantar.

O pasado venres, 6 de febreiro, abriu o prazo de un mes do que disporán os municipios para solicitar as axudas da convocatoria 2026-2027 para mellora de camiños rurais, que foi publicada a pasada semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que está dotada con preto de 19 millóns de euros.
Publicidade
Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España e os seus beneficiarios son todos os concellos galegos, que grazas a elas poderán acometer traballos de ampliación ou de mellora nos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.
A conselleira salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “vertebran o territorio e son claves na dinamización social e económica do noso agro”, remarcou. Ao tempo, puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos e neste sentido destacou que desde 2016, e cando se completen os traballos da convocatoria de 2025, terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros en toda Galicia.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Actuacións en Boimorto
No que atinxe a Boimorto en particular, Gómez subliñou que este municipio recibiu na última convocatoria algo máis de 65.000 euros para a mellora do devandito camiño de Arceo a Vilasantar, cuxas obras avanzan a bo ritmo. Para o período 2026-2027, este concello ten asignado xa un importe mínimo doutros case 64.000 euros.
Así, a localidade, coma o resto de entes locais, beneficiarase dunha cantidade fixa, que despois modularase empregando criterios de localización, despoboamento, superficie e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria.
Publicidade
Desta forma, a cifra base por concello será de 24.550 euros, e a partir de aí amplíase o orzamento segundo os referidos criterios. Por cada concello poderá presentarse ata un máximo de dous proxectos, e cada un deles poderá contemplar un máximo de tres actuacións. Enténdese por “actuación” a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros.








Comentarios