Boimorto puxo a proba o seu padal durante a celebración do Magosto coa Credencial Gastro
Veciñanza de todas as idades sumouse ao desafío dunha cata para identificar os produtos con selo de calidade diferenciada certificada que contiñan as degustacións gratuítas
Laura Moure/Boimorto
O Pavillón Municipal de Boimorto acolleu o venres á noite unha nova cita de Credencial Gastro, unha proposta gratuíta e aberta ao público que invita a probar unha tapa e a descubrir nela tres produtos galegos con selo de calidade diferenciada certificada. A actividade celebrouse dentro do Magosto organizado polo municipio e desenvolveuse entre las 20:30 e preto de las 22:00 horas.

Veciños e veciñas de todas as idades que acudían á celebración pasaron pola instalación antes de sentarse a cear. Alí atopáronse con catro tapas diferentes: unha de carne, unha de mar, unha vexetal e outra doce. Tras probar a elaboración, debían tratar de identificar, con axuda duns selos adhesivos, os produtos con calidade certificada que contiña cada tapa.
PUBLICIDADE
A dinámica buscaba así unha cata consciente e repousada, na que prestar atención aos sabores e aos ingredientes de cada prato, alén de popularizar os produtos alimentarios galegos que contan con selo de calidade diferenciada. As catro tapas da cita foron unha Empanadilla de xarrete de vaca galega, con Vaca e Boi de Galicia IXP, verduras certificadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e Queixo Tetilla DOP; un Polbo glaseado con viño tinto da DO Monterrei, puré de Pataca de Galicia IXP e Grelos de Galicia IXP; unha Berenxena asada con Mel de Galicia IXP, tella de Queixo San Simón da Costa DOP e area de Pan Galego IXP; e, como tapa doce, un Tiramisú con Licor Café de Galicia IXP, crema de Queixo Arzúa-Ulloa DOP e ovos ecolóxicos con selo do CRAEGA.
PUBLICIDADE
Quen acertaba os produtos correctos da súa tapa leváronse premios e foron moitos os que se repartiron durante a noite. O máis salientable foi un lote de produtos de calidade diferenciada certificada, que gañou unha veciña pasadas as nove da noite.









Comentarios