A exposición de maquinaria agrícola e forestal contará este ano tamén con aparellos para o xardín
Laura Moure/Boimorto
O Concello de Boimorto, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, vai celebrar a última fin de semana de marzo unha nova edición de Magreco, a feira de maquinaria agrícola e forestal e produtos ecolóxicos. O domingo, día 27, a tradicional poxa de xovencas frisoas volverá ser un dos principais atractivos de Magreco, que sempre xunta a numerosos gandeiros dispostos a mercar os mellores exemplares para as súas explotacións.

Nesta esta edición de 2022, malia que terá un formato un pouco máis reducido tras dous anos de ausencia pola pandemia da Covid-19, non faltarán en Magreco a tradicional exposición de maquinaria agrícola e as mostras de artesanía, de produtos ecolóxicos e con denominación de orixe galega. Como novidade, a feira incorpora este ano unha exposición de maquinaria para xardín.
Os arredores do polideportivo municipal de Boimorto encheranse os días 26 e 27 de marzo, sábado e domingo, de maquinaría agrícola, forestal e para xardín, de xeito que gandeiros, agricultores e tamén curiosos poidan coñecer de primeira man algunhas das novidades que ofertan as diferentes casas comerciais.
Os asistentes poderán gozar tamén dunha ampla zona dedicada a alimentación, na que se lle prestará especial atención aos produtos ecolóxicos e aos certificados con denominación de orixe galega. A artesanía terá tamén o seu espazo no pavillón coa instalación de diversos postos, que lle permita aos visitantes coñecer e mercar obxectos de todo tipo.
Un dos actos máis agardados e concurridos do Magreco é, sen dúbida, a poxa dunha ducia de xovencas, que se celebrará o domingo 27 a partir das 12:00 horas. Centrarase en exemplares de raza frisoa e estará coordinada pola asociación de gandeiros Africor, para garantir que os animais presentan unha calidade xenealóxica e sanitaria excepcional. A pesares de que as vacas estarán expostas toda a fin de semana nas instalacións de Magreco, non será ata o domingo ao mediodía cando se celebre a poxa. Ao remate da mesma, o Concello de Boimorto sorteará unha hidrolimpadora entre todas as persoas presentes.
Para a organización de Magreco, o Concello de Boimorto conta coa colaboración da Consellería de Medio Rural, Tractor Ocasión e Africor Coruña.
Comments