Blanco destaca no Pino o esforzo do Ministerio de Transportes cada inverno para garantir a seguridade vial
- Laura Moure
- 5 dic 2024
- 3 Min. de lectura
O Estado destina en Galicia 104 quitaneves e dispón de 20.000 toneladas de sal e máis de 3.257.000 de litros en depósitos de salmoira
Laura Moure/O Pino
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou este mércores o traballo que cada ano fai o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible durante os meses invernais para garantir a seguridade e a circulación nos máis de 2.400 quilómetros de estradas estatais en Galicia. Fíxoo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, na presentación do Plan Invernal da Rede de Estradas do Estado en Galicia no Centro de Conservación Integral de Estradas situado no concello coruñés do Pino.
Pedro Blanco e María Rivas supervisaron as instalacións e os medios dispostos neste centro, desde o que se xestiona a rede de estradas da zona sur da provincia da Coruña. O delegado agradeceu o seu labor a todos os profesionais alí destinados, así como a todas as institucións que colaboran para o bo desenvolvemento do Plan Invernal de Estradas, desde o servizo meteorolóxico da AEMET, a DXT e as forzas e corpos de seguridade, que traballan sobre o terreo nas condicións e situacións máis extremas.

Apelou tamén ao sentido común dos galegos e galegas e chamou a extremar as precaucións ao volante, pois “todos e todas temos que prestar atención ás condicións dos vehículos e adaptar a maneira de conducir á situación das estradas e do clima ante os meses de inclemencias meteorolóxicas que temos por diante”.
O Plan Invernal de Estradas
O dispositivo especial para a campaña invernal de estradas está operativo desde o pasado 1 de novembro e manterase ata o 30 de abril de 2025. Os medios presentados onte forman parte dos despregados polo Estado en Galicia, cun total de 104 máquinas quitaneves e cunhas 20.000 toneladas de sal e unha capacidade de máis de 3.257.000 de litros en depósitos de salmoira.
Publicidade
O Plan Invernal de Estradas busca manter un adecuado nivel de servizo das estradas da Rede do Estado e das Autoestradas de Peaxe, dando maior seguridade aos usuarios e proporcionando a condución máis cómoda e fluída diante de posibles condicións meteorolóxicas adversas. Dentro das operacións de vialidade están previstas actuacións preventivas no firme en situacións de baixas temperaturas nas estradas de competencia estatal.
Centro de Conservación do Pino
Desde o Centro de Conservación do Pino xestiónase a Autovía A-54, de Lugo a Santiago de Compostela, que actualmente ten en construción o tramo Palas-Melide-Arzúa; as estradas ao redor de Santiago SC-21 (acceso ao Aeroporto de Santiago), SC-20 (Periférico de Santiago de Compostela), SC-11, SC-30 (Orbital) e os itinerarios a Ourense a través da N-525, a Lugo coa N-547 con frecuencia de paso dos peregrinos do Camiño, a N-634 procedente de Asturias coa vialidad invernal máis severa do sector, e por último, a N-550 cara a Pontevedra.
O sector dispón de 6 camións quitaneves, dous deles capacitados para o estendido de salmoira, 150 toneladas de sal nun almacén e unha planta de salmoira apta para capacidade de 80.000 litros no recinto do Centro de Conservación e 4 silos distribuídos no tramo, un deles de 60 toneladas e os outros de 100 toneladas cada un. O clima do sector caracterízase polo continuo paso de frontes procedentes do oeste asociados a borrascas atlánticas que conforman o clima de novembro a abril onde se rexistra a maior parte da pluviosidade anual.
As nevadas no sector débense aos ventos que atravesan as rías cargadas de humidade e que tenden a descargar en cotas máis altas, isto pode supoñer dúas ou tres días ao ano, con 25 días de media anual de xeadas intensas, co que o tratamento preventivo é a operación máis común
Comments