top of page

Berce do Ulla presenta recurso contra a declaración de utilidade pública do Parque Eólico Vacaloura

Este está promovido nos concellos de Monterroso e Portomarín


Ecos da Comarca/Antas de Ulla

A Asociación Colectivo Veciñal Berce do Ulla ven de presentar un recurso potestativo de reposición contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se declarou a utilidade pública do Parque Eólico Vacaloura, promovido nos concellos de Monterroso e Portomarín.

Foto de arquivo dun parque eólico.
Foto de arquivo dun parque eólico.

O recurso céntrase na falta de avaliación suficiente dos posibles efectos que determinadas actuacións previstas no proxecto poden ter sobre a seguridade exterior do Centro Penitenciario de Monterroso e sobre os dereitos e o benestar das persoas que viven e traballan nel, tal e como explica o colectivo.


Segundo se recolle na propia resolución da Xunta, a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias advertiu expresamente dos riscos que a instalación podería supoñer para a seguridade, o funcionamento e a integridade das persoas e instalacións do centro penitenciario. Porén, a asociación considera que non consta no expediente unha análise específica destas afeccións nin informes dos organismos competentes en materia de seguridade exterior, como a Dirección Xeral da Garda Civil ou o Ministerio do Interior.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A entidade entende que a protección dun centro penitenciario —tanto das súas instalacións como das persoas internas e do persoal que nel traballa— constitúe un interese público de máxima relevancia que debe ser adecuadamente ponderado antes de autorizar actuacións que impliquen servidumes, ocupacións temporais ou obras no seu contorno inmediato. 


Por este motivo, o recurso solicita a revisión da resolución e a realización dunha avaliación máis completa das posibles afeccións á seguridade do establecemento penitenciario, así como a intervención dos órganos estatais competentes.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Paralelamente, a Asociación Colectivo Veciñal Berce do Ulla trasladou esta preocupación ao Ministerio do Interior, á Dirección Xeral da Garda Civil, á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias e á Subdelegación do Goberno en Lugo, aos que remitiu unha copia do recurso presentado.


A asociación considera que calquera proxecto de desenvolvemento enerxético debe realizarse con todas as garantías legais e técnicas, especialmente cando poden verse afectados servizos públicos esenciais, intereses xerais relacionados coa seguridade cidadá e os dereitos das persoas que dependen da protección do Estado.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page