Berce do Ulla participa na concentración de Lugo contra as macroplantas de biogás
- ecosdacomarca
- hace 5 días
- 2 Min. de lectura
Tamén se reuníu con Antonio Gato Soengas, concelleiro non adscrito de Monterroso
Ecos da Comarca/A Ulloa
Este sábado 31 de maio, o Colectivo Veciñal Berce do Ulla participou activamente na
concentración convocada en Lugo, diante do edificio da Xunta, no marco das mobilizacións estatais contra a instalación masiva de macroplantas de biogás
promovidas por intereses privados e sen garantías ambientais suficientes. Durante o acto, ao que acudiron colectivos de toda a provincia e de diferentes puntos de Galicia, estiveron presentes figuras políticas relevantes, como o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, a anterior rexedora Lara Méndez López, hoxe vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE, e Rubén Arroxo, membro do goberno municipal polo BNG. A representación política da comarca da Ulloa veu da man de Antonio Gato Soengas, concelleiro non adscrito de Monterroso e referente histórico na política comarcal.

"A nosa asociación tivo a oportunidade de compartir pancarta co propio Antonio Gato Soengas, quen foi o único representante político da comarca da Ulloa que presentou unha moción en contra dunha planta de biogás, concretamente contra a de Antas de Ulla, actualmente paralizada pola falta de acceso aos terreos públicos onde se pretendía instalar", sinala o colectivo.
Ademais, informa que antes da concentración, "reunímonos con Gato Soengas para agradecerlle a súa valentía e compromiso na defensa do territorio, así como para trasladarlle a nosa preocupación ante a posible chegada dun novo proxecto a Monterroso. Segundo anunciou o alcalde no último pleno municipal, unha empresa manifestou interese en instalarse no polígono industrial, aínda que enfrontaría trabas administrativas polo tipo de actividade que desenvolve. Segundo o rexedor, trataríase dunha investimento de máis de 20 millóns de euros e xeraría 24 empregos directos, cifras que nos fan sospeitar que
poderiamos estar ante outro intento de instalación dunha planta de biogás".
Publicidade
Na moción presentada polo concelleiro "xa se subliñaba a inadecuación da localización
escollida para a planta de Antas de Ulla, un aspecto que dende Berce do Ulla
consideramos fundamental: non pode permitirse que instalacións desta magnitude se
implanten sen planificación, sen avaliación de impacto e sen ter en conta a proximidade
ás vivendas e á riqueza ambiental do territorio".
Dende esta asociación reiteran o seu compromiso coa defensa do territorio da Ulloa e reivindica "unha moratoria na tramitación destes proxectos mentres non exista unha lexislación clara, rigorosa e con garantías. A concentración de onte, sumada ás mobilizacións en todo o Estado, demostra que cada vez máis persoas rexeitan un modelo industrial contaminante, especulativo e alleo aos intereses do rural galego", conclúe.
Comments